O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo, Francisco Lorenzo, recibiron esta mañá no Concello a nova directiva da Federación de Asociacións Veciñais Limiar, elixida recentemente nas eleccións internas da entidade. O encontro serviu como presentación oficial e primeiro intercambio de impresións sobre asuntos de interese para a veciñanza.
A directiva está formada polo presidente, José Luis Lorenzo Blanco, o vicepresidente, Juan Carlos Ferreiro Iglesias, o secretario, Eliseo González González, o tesoureiro Senén Rodríguez Vázquez, e os vogais Alfonso Pazos Cid, María Milagros Sierra Gómez e María Milagros Fernández Fernández.
O presidente, José Luis Lorenzo, subliñou a vontade de colaboración da entidade, que agrupa 44 asociacións veciñais, co Concello: “queremos mellorar moitas cousas e colaborar co alcalde ao máximo, porque somos os que coñecemos o que necesita cada veciño”. Lorenzo Blanco explicou que na federación de asociacións veciñais “temos todo tipo de persoas: labregos, carpinteiros, médicos, avogados… xente de todo tipo e moi valiosa. Coa axuda do alcalde temos que mellorar os barrios e as zonas onde vivimos”.