“Día 20.- A las doce repique y bombas. Durante la tarde un afamado cuarteto recorrerá los principales barrios, situándose luego en el atrio. Día 21.- En las primeras horas dianas y alboradas por el cuarteto y una sección más numerosa de la notabilísima banda que dirige el prestigioso maestro señor Rebollar, de Ortigueira. A las once misa solemne con exposición de S. D. M., y sermón que pronunciará el Reverendo Padre Ángel Casas, Superior de las Angustias y Director de las Marías, que en ese día visitarán el sagrario de Iglesiafeita. A continuación habrá lucidísima procesión por la carretera y atrio, dando escolta al Santísimo una sección de la Guardia Civil. A las seis comenzará el baile, que se prolonga hasta las doce. Día 22.- Programa del día anterior. En casa de los señores Soto y Hermida habrá facilidades para comer. De Ferrol son muchas las personas que se proponen concurrir y habrá servicio de automóviles. Serán funcionistas don Manuel Soto, don Manuel García, don José Yáñez y don Vicente Pérez.”
Non, non se trata do programa das festas do Biscordel deste ano, aínda que cadraría polos días quitándolle o último, senón que é a publicación coa que o xornal El Correo Gallego anunciaba o evento dous días antes do seu inicio aló polo ano 1924, hai hoxe exactamente 101 anos.
Daquela o Biscordel -ou Viscordel, como se queira- era unha festa de grande sona, tal e como constata o feito de que houbese buses desde Ferrol para asistir a ela e que incluso os cregos da cidade departamental estivesen dispostos a subir o porto para oficiaren as misas principais, seguramente pola grande cantidade de fieis e esmolas que se xuntaban, especialmente na xornada do domingo que nese lonxano 1924 tamén caeu en día 21.
A festa naquel tempo desenvolvíase no adro da igrexa parroquial e mesmo invadía a estrada das Pontes, entre a tenda de Soto, a de Tarrío e o cuartel da Garda Civil. Un espazo que quedaba escaso e que se ampliaba trala función ás campeiras dos arredores con ducias, por non dicir centos, de merendadas.
A estampa repetiuse case coma un calco ata ben entrados os anos 80 e, malia seguir sendo unha boa festa, o Biscordel foi indo a menos -coma case todas as patroas e patróns do rural-, de par da progresiva perda de poboación da parroquia. Porén, a festa principal de Igrexafeita -a outra é o San Marcos de Amido-, con máis ou con menos xente, con máis ou con menos fastos, é das que nunca falla. E este ano tampouco.
O programa do Biscordel 2025 arranca o sábado 20 co grupo tradicional Berros do Castro percorrendo a parroquia durante toda a mañá antes da misa das 13:30 horas (seguida de procesión). A continuación terá lugar a sesión vermú animada pola orquestra Los Españoles. Xa pola noite, ás 22:30 horas, actuarán na verbena o Dúo Trasnos e novamente Los Españoles, que prolongarán a festa ata ben entrada a madrugada.
O domingo 21 a programación prescinde das gaitas matutinas e retrasa a misa até as 13:45 horas, que volverá contar con procesión antes do ite, missa est. Despois de recoller as imaxes botaranse as tracas finais da festa, tantas como dea o presuposto, e a partir dese momento arrancará unha sesión vermú longa coa orquestra Alianza que se estenderá durante toda a tarde.
Meteogalicia anuncia que durante o sábado e o domingo pode vir algunha chuvia feble. Pero que ninguén rabee, o campo da festa da Torre estará cuberto cunha carpa.