O Obradoiro de EStudos Locais Fernando Monroy abre o XX certame de fotografía con 1.200 euros en premios
O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy lanza unha nova edición do seu certame de fotografía que na edición de 2025 chega con dúas novidades principais. A primeira é o incremento dos premios ata os 1.200 euros. A segunda é a creación dunha nova categoría infantil ata os 12 anos de idade. A idea é fomentar a toma de instantáneas en familia e converter a participación no concurso nunha actividade colectiva.
Como é habitual, ademais dos premios, todas as obras quedarán expostas nos meses posteriores á entrega de agasallos nos diversos centros sociais e culturais do Concello de Redondela de forma que a mostra das fotografías dos autores terá un longo percorrido no tempo.
O prazo de entrega estará aberto ata o vindeiro 4 de novembro e os puntos de recollida son as tendas de fotografía colaboradoras Cal-3 e Polaris, así como o Multiusos da Xunqueira, en Redondela e o Centro Cultural e Farmacia Muíños, en Cesantes. Outra opción é enviar as fotos ó Apartado de Correos 007, 36.800 de Redondela. É obrigatorio presentar as instantáneas de xeito online (obradoiro@estudoslocais.org) e tamén impreso.
No acto de presentación estivo unha delegación do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy ademais da alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de cultura Rita Pérez.