HomeA CoruñaAs festas de Monte Alto pechan esta fin de semana as celebracións...

As festas de Monte Alto pechan esta fin de semana as celebracións dos barrios no verán

- Anuncio -spot_img

A programación incluirá unha homenaxe a Ramón Maseda logo da restauración da súa placa no Campo de Marte

As festas dos barrios da Coruña continúan esta fin de semana cos festexos en Monte Alto, que toman o relevo da Falperra e supoñen as últimas celebracións do verán. As festas son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos este ano por mellorar o proceso de concesión de axudas para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, indica Gonzalo Castro.

O sábado 20 a programación comezará ás 12.00 horas cunha alborada co grupo Xebre. ÁS 13.30 haberá unha sesión vermú na rúa da Torre coa actuación dos Combos da Escola Municipal de Música. A partir das 16.30, no Campo de Marte, haberá xogos populares tradicionais, espectáculo musical infantil e familiar de Pakolas e actuación do coro e grupo de danza Eidos. Xa pola noite, a partir das 20.45 horas na rúa da Torre, co pregón de María Xosé Bravo, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Ás 21.00 actuará A Banda da Loba e ás 23.00 será a quenda de Loita Amada.

O domingo celebraranse dous actos pola memoria cívica do barrio. En primeiro lugar, ás 12.00 horas, terá lugar o segundo roteiro ‘Xente que aínda segue en nós’, no cemiterio de San Amaro. Por outra banda, ás 13.00 horas, celebrarase no Campo de Marte unha homenaxe a Ramón Maseda, logo da restauración da placa da súa escultura por parte do Concello. Ramón Maseda Reinante foi presidente da Agrupación Socialista da Coruña, referente da liberdade e da xustiza social, republicano fusilado polo fascismo no Campo da Rata o 31 de agosto de 1936. Os festexos concluirán cunha foliada no Campo de Marte a cargo de Son d’Aquí.

Publicacións Relacionadas