Máis de 100 persoas déronse cita na IV Xornada de Pesca de Ribeira, centrada na sustentabilidade, descarbonización e normativa europea.
A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira volveu ser o escenario da IV Xornada de Pesca de Ribeira, organizada pola OPP83-Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía, un encontro xa consolidado que reuniu a expertos, representantes institucionais, profesionais do sector e alumnado ao redor dos principais retos da pesca. Más de 100 persoas participaron activamente nesta xornada demostrando o seu compromiso compartido co mar e co futuro da actividade pesqueira: “Un futuro que debe construírse desde a sustentabilidade atendendo á realidade do territorio e coa mirada posta nas novas xeracións”, tal e como resume a xerente da OPP83, María José Casais.
O acto inaugural contou coa participación do alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral; o director xeral de Pesca Sostible, Ramón da Figuera; a directora da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, Gloria Santalla Quintana, e a xerente da OPP83, María José Casais. Europa marca o rumbo: Pacto Europeo polos Océanos e reforma da Política Pesqueira Común
A IV Xornada de Pesca de Ribeira abriuse coa visión europea do Pacto polos Océanos co relatorio do asesor político do gabinete do comisario europeo de Pesca e Océanos, Antonio Basanta. A continuación, Ramón da Figuera, director xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, seguiulle a mesa redonda “Pacto Europeo polos Océanos e reforma da Política Pesqueira Común”, temática analizada pola doutora en Economía, María do Carme García-Negro, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Cándido Rial.
O mar do futuro: os retos da transición enerxética e a mirada científica ao lirio e outras especies pelágicas
No segundo bloque da IV Xornada de Pesca de Ribeira, tras unha pequena pausa, retomáronse os debates sobre sustentabilidade con dous eixos fundamentais para o futuro do sector: a descarbonización da frota e o estudo das pesqueiras de lirio e outras especies pelágicas.
Nunha mesa dedicada aos retos da descarbonización, o profesor e investigador de Economía da USC, Gonzalo Rodríguez, fixo alusión aos desafíos económicos do proceso de transición enerxética. Pola súa banda, Miguel Núñez, conselleiro de Transportes do MITMA ante a UE, o ribeirense Adrián Sarasquete, xerente de VICUSdt, o tamén ribeirense Juan Andrés Pérez, capitán marítimo de Vilagarcía de Arousa, e Montserrat Espín, responsable do departamento de transporte marítimo de Bureau Veritas, falaron dos aspectos máis técnicos, compartindo experiencias e posibles solucións para reducir a pegada de carbono da actividade marítima.
O último relatorio correu a cargo do investigador do IEO de Vigo, Pablo Carrera, que presentou os últimos avances no estudo da pesqueira de lirio -buque insignia da OPP83, que conta coa súa propia marca LIRIO DE RIBEIRA – e outras especies pelágicas, achegando información crave sobre a súa abundancia e migración, e subliñando a importancia da sustentabilidade na xestión dos recursos mariños.
Oportunidade e retos da pesca
Na clausúraa, a xerente da OPP83 subliñou a importancia de garantir unha pesca sostible, competitiva e resiliente, poñendo o foco na necesidade da substitución xeracional e facendo referencia aos fondos. O acto pechouse coas intervencións institucionais do alcalde Luís Pérez e da conselleira do Mar, Marta Villaverde, que destacou o compromiso de Galicia coa innovación, a sustentabilidade e o futuro dun sector como o pesqueiro, vital para a economía galega.
Pérez Barral salientou a importancia do sector para Ribeira manifestando que “o concello non se entende sen o mar”. A lonxa de Ribeira sitúase entre as máis importantes do Estado: terceira en volume de descargas (19.642 t en 2024) e quinta en facturación (40 millóns de euros). Estes datos confirman que somos un porto de referencia, pero detrás das cifras hai algo moito máis: “o traballo, o esforzo e a dignidade de milleiros de profesionais do mar e das súas familias. Non podemos esquecer que o sector achega arredor do 33% do PIB local, nin que xera miles de empregos directos e indirectos”.
O rexedor falou de futuro sinalando que se precisa máis participación nas decisións, máis apoio á innovación, “máis compromiso co relevo xeracional e máis respecto polo coñecemento das xentes do mar, especialmente ás confrarías e ás entidades produtoras. Só así poderemos garantir un futuro sostible para o sector, no que a economía, a cultura e a identidade mariñeira de Ribeira sigan vivas”.
Como broche final, os asistentes gozaron dunha degustación de produtos pesqueiros da OPP83, mostra do valor engadido e calidade das capturas da frota local, unha das frotas máis importantes de Europa.