HomeA CoruñaPP de Culleredo: “Rioboo volve suspender no inicio do curso escolar”

PP de Culleredo: “Rioboo volve suspender no inicio do curso escolar”

- Anuncio -spot_img

• As obras de mantemento dos colexios de infantil e primaria, comprometidas para o verán, aínda non se executaron

• O Concello deixa un ano máis ás familias sen bolsas comedor e ás ANPAS sen subvencións para organizar as súas actividades extraescolares

• No Conservatorio hai presenza de ratas e non se realizaron as melloras previstas, e nas escolas infantís hai reparacións pendentes

• Izaskun García, portavoz popular: “As familias e os nenos de Culleredo seguen pagando a incompetencia do alcalde e o seu equipo de goberno”

O Partido Popular de Culleredo asegura que o curso escolar comeza de novo cun “cero” en xestión por parte do alcalde, José Ramón Rioboo. O PP denuncia que a maior parte das obras de mantemento solicitadas nos colexios de infantil e primaria, que deberían realizarse durante o verán, aínda non se levaron a cabo. “Mentres noutros concellos veciños si se planifica e estas actuacións fanse en vacacións, aquí o goberno de Rioboo anuncia agora que as obras xa prometidas realizaranse aínda neste trimestre, cos alumnos e os profesores xa en clase”, sinala Izaskun García, portavoz popular.
O PP lembra que corresponde ao Concello a execución deste tipo arranxos e melloras nos colexios, e lamenta que o goberno municipal pretenda desviar agora a súa responsabilidade cara á Xunta para tapar a súa propia neglixencia. “O modus operandi do alcalde é sempre o mesmo: non fai o mantemento, deixa que os problemas se agraven e despois esixe á Xunta que solucione o que el mesmo provocou. É Rioboo quen volve a suspender no inicio do curso escolar”, afirma Izaskun García.
Así, o PP subliña que, un ano máis, o alcalde deixa ás familias de escolares sen bolsas comedor, aprobadas por maioría en 2019 a proposta do Grupo Municipal Popular e que só se concederon en 2023, ano de eleccións. García lamenta que Culleredo sexa o único concello da comarca que non está a cumprir con estas axudas, polo que anima a outros alcaldes a que, por responsabilidade, “explíquenlle a Rioboo como facelo xa que a nós non nos ten en conta”.
Á falta destas bolsas súmase que as ANPAS volven quedar sen subvencións, impedíndolles planificar actividades extraescolares. “As familias e os nenos de Culleredo son quen segue pagando a incompetencia deste alcalde e o seu equipo de goberno”, advirte a portavoz do PP.
García destaca, ademais, o caos vivido pola falta de información sobre o inicio das clases no Conservatorio, en cuxo edificio aínda non se realizaron as melloras comprometidas e no que se detectou a presenza de ratas. Obras de mantemento nas escolas infantís Galiña Azul –na do Burgo denunciáronse graves deficiencias o curso pasado por pingueiras e coa calefacción– tamén seguen pendentes.
Por todo iso, o PP de Culleredo presentou unha batería de preguntas ao goberno local para esixir explicacións sobre por que non se executou o mantemento dos colexios este verán e “por que as necesidades básicas dos centros educativos seguen sen resolverse”. “Rioboo non planifica, non xestiona e non cumpre. Abandona a escolares, profesores e familias. Desde o PP seguiremos traballando para que Culleredo dispoña dos centros e servizos educativos que merece”, conclúe a portavoz popular.

Publicacións Relacionadas