O embaixador de Palestina en España, Husni Abdel Wahed, visitou no día de hoxe o Concello de Oleiros. Primeiramente, foi recibido na Casa do Concello polo alcalde, e tras visitar distintos lugares do municipio especialmente significativos para o seu país, participou nun acto público multitudinario celebrado na Fábrica.
Un pouco antes do mediodía, o máximo representante palestino en España foi recibido oficialmente na Casa do Concello polo alcalde, Ángel García Seoane. Tras intercambiar impresións sobre distintos asuntos de actualidade, asinou no Libro de Honra do Concello.
Xa pola tarde, visitou lugares do concello con especial significación para o seu país, como a rúa Yaser Arafat recentemente inaugurada en Santa Cruz ou o conxunto de rúas de Canide con nomes palestinos, como Gaza, Palestina, Cisxordania, Yinin,… presididos pola praza de Belén.
A comitiva, da que tamén formou parte o presidente da Fundación Araguaney Puente de Culturas Ghaleb Jaber Ibrahim, finalizou a xornada inaugurando o ciclo de cine euroárabe Amal por Palestina. Antes das proxeccións desenvolveuse un faladoiro no que o embaixador agradeceu a todo o pobo español a súa solidariedade e apoio, destacando especialmente a Oleiros. “Me habían hablado mucho de Oleiros y de todo lo que habían hecho y esta visita a superado todas mis expectativas”, dixo.
Husni Abdel Wahed alertou que “están negociando como repartirse Gaza para convertirla en un resort… y si esto sucede allí, puede suceder después en cualquier otro lugar del mundo”. Tamén comentou que “nadie puede sentirse lejano ni ajeno a lo que le sucede al pueblo palestino” e explicou que “el humanismo parcial o selectivo no existe”. “Se es humano o no se es humano, y yo confío en la humanidad y confío en la defensa de los valores de justicia, libertad y vida”, concluiu.
Pola súa parte o alcalde expresou o máis profundo sentimento de solidariedade e rabia polo que está acontecendo á vista de todo o mundo e sen que ninguén sexan quen de frear os grandes apoios que recibe a política sionista do exterminio.
A mostra de cine continuará na Fábrica mañá sábado ás 20:00 horas coa proxección de A una tierra desconocida. O domingo ás 12:00 horas proxectarase o documental Adiós, Tiberias. O domingo, tamén se inaugurará instantes antes do inicio do documental a exposición Heart of Gaza.