_A continuación do ITF Júnior, que terá lugar entre o 21 e o 28 de setembro, disputarase o Internacional Cadete Tennis Europe
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do XXIII Torneo Internacional ITF Júnior e o XVII Torneo Internacional Cadete Tennis Europe organizados polo Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo. O mandatario galego lembrou o último Grand Slam do número 1 mundial, Carlos Alcaraz e o seu primeiro, gañados ambos no US Open deste mesmo ano e de 2022, ante Jannik Sinner e Casper Ruud, respectivamente. Lete Lasa referiuse a estes tenistas como tres dos mellores do momento e incluso da historia, e recordou que os tres estiveron nas pistas de Sanxenxo, polo que o torneo é un “do máis importantes do mundo”. Neste sentido, tamén indicou que Pablo Carreño, que vén de gañar o decisivo punto da Copa Davis ante Dinamarca; así como Paula Badosa e a galega Jessica Bouzas, que veñen de disputar a Billie Jean King Cup, tamén estiveron no ITF Júnior.
Lete Lasa destacou que tanto o júnior como o cadete convertéronse, ao longo de todos anos, “en dous dos maiores trampolíns para o tenis de base” e subliñou a importancia dos eventos tenísticos que se organizan en Galicia conformando “un circuíto difícil de igualar”. Neste sentido enumerou ademais deste ITF World Tennis Tour Junior e Torneo Internacional Cadete de Sanxenxo, o Torneo Internacional ITF M15 de Pontevedra, o Torneo Internacional ITF M15 de Sanxenxo, o Vigo Tenis Open, o Torneo Internacional Feminino de tenis W50 de Ourense, o Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo W35, o Tenis Europe sub 14 A Coruña ou o Tenis Europe sub 14 Pontevedra.
O ITF Júnior de Sanxenxo é un torneo xuvenil de Grao 1, o maior nivel posible, no que participan as 128 mellores raquetas -64 mozas e 64 mozos-. A continuación do ITF Júnior, que terá lugar entre o 21 e o 28 de setembro, disputarase o Internacional Cadete Tennis Europe.