O Concello de Oia pon en marcha un proxecto audiovisual co obxectivo de rescatar, preservar e celebrar a memoria colectiva local, prestando especial atención á tradición oral e o patrimonio cultural inmaterial. A iniciativa botou a andar cunha metodoloxía participativa, para o que se están a desenvolver distintas entrevistas con veciñas e veciños das seis parroquias do municipio (Burgueira, Loureza, Mougás, Santa María de Oia, Pedornes e Viladesuso).
Baixo o título Novas cantigas oienses, o proxecto está a ser desenvolvido por Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez, profesionais do audiovisual afincados en Oia. Actualmente estanse a recompilar historias, contos e lendas, prestando especial atención a aquelas narradas pola veciñanza de maior idade do municipio, depositaria da memoria viva do pobo.
Os traballos constaron dunha fase inicial de investigación e documentación que continúa actualmente ao mesmo tempo que se vai avanzando na fase de gravación de entrevistas persoais á veciñanza. Toda a información reunida será analizada, seleccionada e reinterpretada artisticamente, de xeito que o traballo audiovisual final vaia alén da mera proposta documental, buscando xerar unha experiencia a nivel estético e emocional. Así, o vídeo artellará unha atmosfera onírica na que se irán entrelazando os rostros das persoas protagonistas, os distintos relatos e as paisaxes que os inspiraron.
A iniciativa está financiada a través da convocatoria de 2025 das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a entidades locais para a promoción do uso da lingua galega e con fondos propios. Coa elaboración desta peza audiovisual, o Concello quere promover o emprego, difusión e creación cultural en galego, destacando a súa riqueza a través da inclusión de xiros locais e variedades xeográficas da lingua do Baixo Miño. Ao mesmo tempo, o proxecto defende a creación cultural desde o local como acto de resistencia fronte a procesos de homoxeneización da cultura.
Con este novo traballo audiovisual o Concello continúa coa aposta pola recuperación da memoria oral iniciada hai varios anos. Nese sentido, cabe lembrar que na canle de Youtube municipal están accesibles os vídeos de anteriores proxectos: Memorias de Oia e Lembranzas doutro tempo.