Luciano Otero acusa ao PP, PSOE e BNG de frear o crecemento do municipio cunha actitude destructiva e de “non polo non”
O Concello de Pazos de Borbén celebrará nos vindeiros días un pleno decisivo no que o alcalde, Luciano Otero, e o seu equipo de goberno de AV se someterán a unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos de 2025.
O rexedor lembra que os últimos orzamentos aprobados no municipio datan de 2022 e que, desde entón, o Concello viuse obrigado a traballar con contas prorrogadas, algo “insostíbel no tempo para quen quere gobernar con responsabilidade, modernizar o concello e facer as actuacións necesarias para mellorar a vida das veciñas e veciños”.
Otero xustifica esta decisión no bloqueo sistemático da oposición, á que acusa de “poñer paus nas rodas e impedir que Pazos de Borbén avance”. “Chegaron incluso a votar en contra dos festivos locais, un exemplo máis da súa actitude de negarse a todo sen aportar alternativas”, lamenta.
O alcalde subliña que é imprescindible actualizar o orzamento para facer fronte ás subas en servizos básicos como a recollida do lixo, a enerxía eléctrica e outros suministros, ademais de atender ás multas e sancións herdadas da nefasta xestión do anterior goberno do Partido Popular, que aínda a día de hoxe se seguen pagando.
“Viñemos para traballar e que Pazos de Borbén progrese, e mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños. Estamos a perder moi boas oportunidades coas que se podería facer moito máis, pero a oposición non o está permitindo”,”, afirma Otero, lembrando que o PP conta coa complicidade necesaria de PSOE e BNG, que se agarran ao “non polo non” e antepoñen os intereses partidistas ao ben común de Pazos de Borbén.
Con esta cuestión de confianza, o alcalde pretende dar un paso ao fronte e demostrar que o goberno local de AV está decidido a gobernar con seriedade, desbloquear o Concello e garantir o futuro de Pazos de Borbén fronte á política do bloqueo.



