Preto de cen persoas concentráronse este venres diante da Casa do Concello de Mugardos para gardar un minuto de silencio en solidariedade co pobo palestino, dentro da xornada convocada pola FEGAMP en toda Galicia.
Ante a pasividade do goberno local, que non promoveu ningunha iniciativa neste sentido, foi o BNG quen asumiu a convocatoria en Mugardos, entendendo que cando falamos de xenocidio e de dereitos humanos a resposta debe ser transversal a todos os partidos e institucións.
A voceira municipal do BNG, Verónica Fernández, destacou que “non se pode mirar cara outro lado ante a matanza en Gaza; Mugardos non podía quedar en silencio. Como representantes públicos temos a obriga moral de denunciar o xenocidio e reclamar paz e xustiza”.
O acto desenvolveuse en silencio e rematou cun aplauso colectivo, como mostra de apoio ás vítimas e ás súas familias, e coa reafirmación do compromiso de Mugardos cos valores da paz, a xustiza e os dereitos humanos.