A iniciativa forma parte do proxecto Xogal, impulsado por Seitura 22 e outros tres GDR, e contou coa colaboración do Concello
Éxito de participación no escape room “Tesouros de Neda”, que converteu onte a tarde o casco antigo da vila nun gran taboleiro de xogo. A terceira das dez experiencias do proxecto Xogal, impulsada por catro Grupos de Desenvolvemento Rural, entre os que está Seitura 22, e a firma Skeirrum, rexistrou nada menos que 343 inscricións. A iniciativa de dinamización do patrimonio cultural e turístico do rural contou co apoio do Concello de Neda.
Un total de 217 persoas, entre elas moitos nenos e nenas, participaban finalmente na foto de familia inicial, tomada no adro de Santa María e, deseguido, iniciaban, móbil en man, o percorrido con nove enigmas polas rúas e prazas da Neda medieval.
Os elementos do patrimonio histórico, o Camiño Inglés e, como non, a tradición panadeira da localidade son algunhas das temáticas que se tocan nesta aventura, na que, máis alá dos coñecementos, o que conta a habilidade para resolver enigmas/adiviñas, a través das claves aportadas, no menor tempo posible.
Á parella máis rápida, que completou o percorrido en menos de media hora, correspondeulle unha ruta guiada para seis persoas con Piornedo anda e un xantar tradicional na cantina Mustallar en Piornedo- Cervantes. Ademais sorteouse entre todos os participantes unha cesta con produtos gastronómicos típicos dos territorios que conforman os GDRs organizadores (Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda, Terra Chá e Seitura 22). As concelleiras de Medio Rural, Margarita Díaz, e Turismo, Marián Bello, foron as encargadas de entregar os premios.
Durante un mes o xogo estará dispoñible, accedendo a plataforma de Xogal a través do QR que facilitará este luns o Concello a través das súas redes sociais e de cartelería. Para participar, ademais de ganas de pasar un rato entretido, só cómpre dispoñer de teléfono móbil coa batería cargada, conexión a internet e calzado cómodo.