― A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata a sede de Afundación, onde se celebra ata mañá este evento no que participan 25 obradoiros de Artesanía de Galicia e 23 empresas amparadas polo selo Artesanía Alimentaria
― Pola tarde está previsto un faladoiro da artesá Lola García, do obradoiro Logaro, e unha demostración en vivo das redeiras de Corme
― Ademais, o domingo haberá demostración de zocas a cargo de Álvaro Pin, que ofrecerá tamén un faladoiro xunto con Elena Ferro
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a primeira edición do mercado Artesanamente, que se celebra na sede de Afundación en Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19) ata o domingo. No evento, que conta coa colaboración da Xunta, participan un total de 25 obradoiros artesanais inscritos en Artesanía de Galicia e 23 empresas amparadas polo selo Artesanía Alimentaria.
Artesanamente está concibido como un mercado para dar visibilidade ao talento local, exemplifica as novas fórmulas de comercialización do produto artesanal galego e permite ao público achegarse aos oficios desde a perspectiva dos propios creadores a través de demostracións en vivo e presentacións a cargo dos artesáns.
No programa de actividades inclúense faladoiros e presentacións vinculados aos oficios artesanais —como a conferencia que impartiu Lorenzo Caprile onte venres no CGAC— así como as demostracións en vivo da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso), que terá lugar hoxe; e do artesán Álvaro Pin (Castroverde), que realizará mañá pola mañá unha demostración de elaboración de zocas.
Esta tarde a artesá Lola García, do obradoiro Logaro falará de tradición e vangarda no téxtil contemporáneo e mañá domingo está previsto o faladoiro O traxe: intramuros e extramuros, a cargo da asociación do traxe galego, ás 11,00 h., e a charla sobre Os zocos dignificados de Elena Ferro e Álvaro Pin a patir das 12,00 h.
Na parte central, dedicada ao mercado de produtos artesanais, participarán 25 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados en forxa, tecido, madeira, elaboración de roupa e complementos de moda, coiro, cestería, elaboración de papel, cantería, xoiería, elaboración de velas, cerámica e instrumentos musicais. Trátase dos obradoiros composteláns BJ Candle Studio, Jatafarta, Studio Variopinto, Xiana Cobo, Boina Galega e Acivro Xoias; os de Lugo Sopa de Nuez e Tres Caracoles; Marica da Berza (Abegondo); Jorge Eiroa (Culleredo); Pal.lium (Cangas); Néboa na ría (Sada); Boro (Ourense); Tuuinx (Ames), D Rositas (Rois), Asociación Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso); Feltralía (Narón); Capixuta (A Estrada); GSC Petrum (Cuntis); Logaro (Ourense); Casperlota Atelier (Paderne); Eferro (Vila de Cruces); Susana Anta (A Coruña) e Xaneco (Outeiro de Rei).
Ademais, tamén se contará coa participación de 23 empresas inscritas dentro do selo Artesanía Alimentaria, pertencentes a diferentes sectores do ámbito agroalimentario. Estarán presentes A Morena Marmeladas (Lugo), Aceiroga (Quiroga), Aceites Figueiredo (Ribas de Sil), Adegas Celme (Castrelo de Miño), Ánades Galicia (Vilardevós), As Camposeiras (Oleiros), Miel Casa Merche (San Cibrao das Viñas), Cervexa Menduíña (Cangas), Do Gaiteiro (Lalín), Embutidos Suarna (Navia de Suarna), Galletas Xianas (Taboada), Jamones González (Lugo), Jardín de Té Pazo de Quinteiro da Cruz (Ribadumia), Nela Gourmet (San Cristovo de Cea), Licores Os Maios (Leiro), O Rexo (Allariz), Quesos Feijoo (Celanova), Raizame (A Coruña), Sacra Pan (Taboada), Torta de Sarria (Sarria), Trasdeza Natur (Silleda), Xacobleas (Barro), Xearte Brigitte (Santiago de Compostela).
O mercado Artesanamente estará aberto ao público na sede de Afundación ata mañá domingo en horario de 11,00 a 14,00h e de 17,00 a 22,00 h.