Denuncia que case todas as paradas presentan importantes desperfectos que supoñen un risco para a seguridade
Urxe ao goberno da Entidade Local Menor a actuar lembrando que son instalacións que foron sufragadas con recursos da parroquia
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vai rexistrar unha instancia formal na Entidade Local Menor (ELM) de Bembrive para denunciar o lamentábel estado no que se atopan case todas as paradas de transporte colectivo da parroquia, tanto do servizo de autobús urbano como do transporte escolar, e urxir a súa reparación.
A fronte nacionalista denuncia que as paradas presentan múltiples deficiencias como son cristais rotos ou a ausencia de acristalamento, parafusos danados, pintadas ou presenza de vexetación no seu interior. Unha situación que evidencia un abandono total por parte da administración local, converténdoas en puntos de risco para a seguridade das persoas usuarias, especialmente grave no caso da veciñanza maior, das persoas con mobilidade reducida e, sobre todo, das crianzas que as empregan diariamente para agardar o bus do colexio.
O BNG esixe unha actuación urxente para garantir condicións dignas, accesíbeis e seguras en todas as paradas, lembrando que as mesmas foron instaladas pola Entidade Local Menor a cargo de fondos propios.
“A preguiza institucional e a falta de responsabilidade con Bembrive non poden seguir privando á nosa veciñanza dun servizo público digno e seguro, o goberno parroquial debe facerse cargo da situación e amañala na maior brevidade” esixe Roberto Fernández Vila, responsábel do BNG en Bembrive.
No concreto, o BNG reclama que se realice unha revisión técnica exhaustiva do estado das paradas e das necesidades orzamentarias das actuacións, que a ELM estableza un calendario de actuacións urxentes para arranxalas e fixe un protocolo claro de mantemento e xestión.
Despois, unha vez determinada a responsabilidade da xestión, no caso das infraestruturas que correspondan á empresa concesionaria do transporte público de Vigo, instan á equipa de goberno da ELM a esixir as responsabilidades correspondentes.