HomeXunta de GaliciaA Xunta inicia este luns a campaña de inmunización fronte ao virus...

A Xunta inicia este luns a campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial, que reduce as hospitalizacións de lactantes

- Anuncio -spot_img
  • Os bebés nados nos hospitais durante a campaña poderán ser protexidos fronte ao virus que provoca a bronquiolite
  • Tamén comezan a ser citados bebés prematuros de menos de 12 meses e lactantes con alto risco de enfermidade grave por este virus que teñan menos de 24 meses
  • A partir do 29 de setembro convocarase os menores de seis meses nados tras o peche da anterior campaña, é dicir, desde o 1 de abril
  • Na campaña pasada foron inmunizados máis de 12.700 nenos e nenas, cunha cobertura superior ao 90 %

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, dará comezo este luns 22 de setembro a unha nova campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) co obxecto de previr as hospitalizacións por este virus nos lactantes.

Esta protección introduciuse en Galicia de modo pioneiro no 2023, permitindo a redución das hospitalizacións en máis do 90 % por esta infección nos nenos e nenas inmunizadas.

Así, o día 22 comezará a administración nos hospitais para todos aqueles bebés que nazan ata o fin da campaña en marzo de 2026.

O mesmo día iniciarase a citación de bebés prematuros menores de 12 meses e lactantes con alto risco de enfermidade grave por este virus que sexan menores de 24 meses.

Unha semana despois, a partir do luns 29 de setembro a Consellería de Sanidade convocará tamén de forma activa os menores de seis meses que naceron fóra da campaña, é dicir, entre o 1 de abril e o 21 de setembro de 2025.

A inmunización fronte ao virus que causa a bronquiolite foi administrada a 12.719 nenas e nenos na pasada temporada. Isto representa o 100 % de bebés con factores de risco, o 91,74 % no caso dos recaptados en 2024 e o 98,27 % dos bebés nados durante a última campaña.

Publicacións Relacionadas