HomeA CoruñaÁ venda as entradas para o concerto de Tiruleque no ciclo Folk...

Á venda as entradas para o concerto de Tiruleque no ciclo Folk no Colón

- Anuncio -spot_img

A formación coruñesa tomará o 9 de novembro o relevo a Milladoiro, que será a próxima actuación no teatro, o 11 de outubro

O Concello habilitou a venda de entradas para o concerto que a banda coruñesa Tiruleque ofrecerá o vindeiro 9 de novembro no Teatro Colón, dentro da segunda edición do ciclo Folk no Colón. “Este ciclo nace desde o convencemento do Goberno de Inés Rey de reivindicar as nosas raíces musicais e darlles o espazo que merecen nun dos escenarios máis emblemáticos da nosa cidade”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

As entradas para a actuación de Tiruleque xa están dispoñibles a través de Ataquilla e o despacho de billetes da praza de Ourense. En caso de que queden localidades dispoñibles, o propio día da actuación poderanse adquirir na propia billeteira do Teatro Colón. Tiruleque é unha das bandas de música galega máis veteranas do país. Xurdiu na Coruña fai máis de vinte anos e criouse nese mundo de romarías, foliadas, bailes, festas populares e demais encontros que son celebracións da cultura galega en si mesmos.

Nestes anos de historia, Tiruleque percorreu a práctica totalidade dos festivais de música galega e celta do país, representando a música galega en festivais internacionais coma o de Lorient e o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, entre outras moitas actuacións pola xeografía do Estado, e é considerado unha referencia no mundo da música
para o baile tradicional galego.
Tiruleque tomará o relevo no ciclo a Milladoiro, que actuarán no Teatro Colón o vindeiro 11 de outubro e cuxas entradas xa están á venda.
Así é o calendario de actuacións do II ciclo Folk no Colón

● 16 de maio | Treixadura
● 10 de setembro | Capercaillie
● 11 de outubro | Milladoiro
● 9 de novembro | Tiruleque
● 21 de novembro | Felisa Segade
● 20 de decembro | Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
● 26 de decembro | Carlos Núñez

Publicacións Relacionadas