A actuación forma parte do plan global de mellora e acondicionamento das beirarrúas en todas as parroquias do concello
A alcaldesa, Sandra Permuy, supervisou os traballos xunto co tenente alcalde, Manuel Polo, e o concelleiro de servizos, Adán Chao
O Concello de Fene continúa co seu plan de mellora e acondicionamento das beirarrúas en todas as parroquias do termo municipal, unha actuación enmarcada nun proxecto global iniciado o pasado ano e que segue en execución na actualidade. Nesta nova fase estanse a executar traballos na parroquia de Limodre, concretamente no Camiño Grande e na estrada de Cabanas, cunha intervención que abrangue unha lonxitude total de 329 metros lineais de beirarrúa.
As obras comezaron coa demolición e retirada das beirarrúas existentes, deterioradas polo paso do tempo e polo uso continuado, para despois proceder ao formigonado da nova superficie mediante formigón en masa, garantindo maior resistencia mecánica e durabilidade. O acabado superficial será en formigón coloreado en ton gris, cun tratamento que mellora a uniformidade estética, incrementa a accesibilidade e facilita o mantemento futuro.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, desprazouse á zona para supervisar o avance dos traballos, acompañada polo concelleiro de servizos, Adán Chao, e o tenente alcalde, Manuel Polo. “Con estas actuacións estamos mellorando de maneira progresiva as infraestruturas peonís de todo o concello, dando resposta a unha demanda veciñal e facendo de Fene un concello máis seguro e accesible, priorizando as zonas con maior deterioro”, destacou Permuy.
O concelleiro de servizos, Adán Chao, incidiu na importancia de manter este tipo de actuacións ao longo de todas as parroquias: “Non se trata só dunha mellora estética, senón de garantir unha mobilidade peonil segura para todas as persoas usuarias”.
Con este tipo de intervencións, o Concello de Fene avanza na modernización das súas infraestruturas, mellorando a seguridade viaria, a mobilidade peonil e a calidade urbana. Unhas actuacións que seguirán nas próximas semanas, estando previstas actuacións en todas as parroquias do concello.