HomePontevedraBaixo MiñoTomiño estrea o Espazo Isaura Gómez, un fogar para a cultura, a...

Tomiño estrea o Espazo Isaura Gómez, un fogar para a cultura, a memoria e a convivencia

- Anuncio -spot_img

Alcaldesa, autoridades e veciñanza participaron na apertura deste novo edificio multifuncional deseñado coa participación veciñal no que se investiron preto de 2,4 millóns de euros e que combina innovación, sostibilidade e dinamización cultural

O acto inaugural contou coa presenza do escritor Manuel Rivas e a filla de Xoán Bernárdez, historiador recentemente falecido que doou máis de 2.000 libros á nova biblioteca

Día histórico. Tomiño abriu este sábado as portas do Espazo Isaura Gómez, un lugar pensado para aprender, compartir e convivir que bota a andar grazas á constancia, á unión e á confianza de Concello e veciñanza nun soño colectivo. O resultado é un edificio pioneiro que nace coa vocación de converterse nun punto de encontro, formación e dinamización cultural do municipio e da comarca.

Ducias de persoas acompañaron á alcaldesa, Sandra González, e ás autoridades nun acto inaugural moi emotivo que contou coa participación do escritor, membro da Real Academia Galega e Premio Nacional das Letras 2024 Manuel Rivas; ou da filla de Xoán Bernárdez, historiador, escritor e ensaísta recentemente falecido que amosou o seu grande amor por Tomiño doando máis de 2.000 libros da súa extensa biblioteca ao municipio.

Un soño colectivo que cristaliza nun edificio que, como explicou a alcaldesa, “será un fogar aberto, un lugar onde cada xeración atope un recuncho, e no que todas poidan convivir e inspirarse, un espazo no que a xente veña a desfrutar, a estudiar, a ler, a ver os periódicos. É un lugar de encontro para todas e todos, sen importar a idade”.

Un proxecto común que, como recalcou Sandra González, durante o acto inaugural “consolidouse desde os seus inicios coa ilusión, as ideas e as propostas de máis de 300 persoas que participaron no proceso de deseño. Unha participación cidadá que fixo posible que este edificio non sexa só formigón e cristal, senón que sexa unha verdadeira obra colectiva”. Unha participación que continuou coa campaña Rebiblar, a través das que ducias de persoas doaron “con todo o seu agarimo miles de libros que chegaron ata aquí como arterias que bombean enerxía a alguén que está a despertar á vida. Moitas grazas a todas e todos, porque todas as vosas contribucións son valiosas”.

E como proxecto colectivo, o edificio non podía levar outro nome que o da tomiñesa Isaura Gómez, “unha muller valente, comprometida, solidaria que nunca renunciou á dignidade nin á liberdade”. “Para nós é unha muller da Memoria, desa moitas veces dobremente invisibilizadas: por represaliadas e por mulleres. Durante a súa vida foi coraxosa, afrontou as consecuencias do fascismo, axudou a fuxir a outros, mantívose ergueita. Ao lembrala facémoslle xustiza a ela e a tantas mulleres que permanecen no silencio da historia. Porque, como teimaba Isaura nos seus últimos días, a lembranza e a memoria é imprescindible para non repetir o pasado”, recordou a rexedora.

Dende este sábado bota andar un edificio que contou cun investimento de preto de 2,4 millóns de euros, concibido como unha infraestrutura multiusos, versátil, cómoda e aberta á palabra, ao coñecemento, á memoria e á convivencia. Nel estarán servizos como a agardada e demandada biblioteca municipal, a Aula CeMIT, o Arquivo da Imaxe de Tomiño e o Servizo de Atención Temperá.

“Este é un fogar aberto para todas e todos, un lugar para sentir orgullo e para que cada paso que demos aquí sexa semente de comunidade, de cultura, de esperanza compartida e de paz”, concluíu Sandra González.

Publicacións Relacionadas