Asegura non ter constancia de que se estea a aplicar este desconto, que debe ser automático para aqueles fogares que acrediten “comportamentos responsábeis” como a recollida separada de residuos, o uso de composteiro ou do punto limpo
Suporía un desconto de entre 19 e 24 euros en función do número de persoas no fogar
Xabier P. Igrexas: “Non podemos aceptar que a falla de xestión do Goberno de Caballero acabe castigando as viguesas e vigueses cun taxazo do lixo aínda máis caro”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda que o Goberno municipal de Vigo informe de cantos fogares se beneficiaron do desconto do 65% da cota variábel no recibo do lixo. A fronte nacionalista asegura non ter constancia de que se estea a aplicar esta bonificación que, segundo recolle a ordenanza fiscal en vigor, debe ser automática para aqueles que cumpren con algúns dos requisitos.
A bonificación aplica para todos aqueles fogares que participen na recollida separada de residuos, utilicen o contedor marrón para a fracción orgánica, conten con composteiro domiciliario, ou fagan uso dalgún punto limpo ou da recollida de enseres e restos de podas. “É evidente que unha parte moi maioritaria dos fogares da cidade reúnen algunha destas condicións para ver reducido o taxazo do lixo”, alertou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Descontos entre 19 e 24 euros
A propia ordenanza, explicou o voceiro nacionalista, estabelece que debe ser o servizo municipal de limpeza quen facilite os datos sobre eses “comportamentos responsábeis” aos servizos tributarios para a emisión do recibo. En caso de se confirmar que non se está aplicando, avanzou, o Bloque vai esixir que se proceda ao abono inmediato a todos os fogares afectados. Suporía un desconto de 19,11 euros para un fogar de até 3 persoas, e de 23,98 euros para as vivendas de entre 4 e 6 persoas.
“Un alivio sobre un recibo excesivo”, defendeu Igrexas, lamentando que esta rebaixa sexa insuficiente pola negativa do Goberno municipal a aplicar as medidas propostas polo BNG nas súas emendas á revisión da taxa pola recollida do lixo.
“Non podemos aceptar que a falla de xestión de Caballero acabe castigando as viguesas e vigueses cun recibo aínda máis caro do que deben pagar”, remachou o portavoz nacionalista.