HomeVigoMosA Rondalla de Santa Eulalia de Mos parte hoxe cara ao Festival...

A Rondalla de Santa Eulalia de Mos parte hoxe cara ao Festival de San Sebastián para participar na estrea mundial da película “Rondallas”

- Anuncio -spot_img

A Rondalla de Santa Eulalia de Mos partiu hoxe do Pazo de Mos rumbo a San Sebastián para participar nun dos grandes fitos culturais do ano: a estrea mundial, fora de concurso, da película “Rondallas”, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo (nomeado valedor da Festa da Rosa este ano) e rodada en diferentes localizacións do sur pontevedrés. A maioría dos rondalleiros que forman parte da comitiva saen tamén na cinta, ademais doutros integrantes de outras formacións da contorna.

A cita terá lugar mañá, martes 23 de setembro, no Velódromo de Donosti no marco do prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián, ao que está confirmada a presenza de grandes figuras internacionais como Angelina Jolie.

Alí, os rondalleiros mosenses, que teñen idades comprendidas entre os 8 e os 71 anos, ofrecerán unha actuación musical no denominado espazo Repsol, coa que achegarán a Galicia máis tradicional a un público internacional, poñendo en valor o patrimonio cultural galego e a súa vitalidade.

A participación da Rondalla de Santa Eulalia de Mos neste evento supón un motivo de orgullo para todo o municipio, que ve como a súa tradición musical viaxa ata un dos escenarios cinematográficos máis prestixiosos de Europa.

A película “Rondallas”, protagonizada por destacados actores e actrices galegos como Tamar Novas, Javier Gutiérrez, Carlos Blanco, María Vázquez, Touriñán ou Marta Larralde, estrearase en cines de toda España o vindeiro 1 de xaneiro de 2026.

Apoio de Repsol

O desprazamento da rondalla conta co apoio de Repsol, que pon a disposición do grupo un autobús impulsado con combustibles renovables, reforzando así tamén a mensaxe de sustentabilidade asociada a esta viaxe cultural.

Publicacións Relacionadas