O Concello súmase ao programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, con viaxe gratuíta para ver o 1 de outubro en Santiago ‘A Serie Clopen’. Inscricións na web municipal
Viaxar ao teatro nunca foi tan fácil. Tomiño convértese de novo nunha das paradas do programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, que permite acudir a espectáculos profesionais en Santiago de Compostela sen preocuparse polo desprazamento.
O mércores 1 de outubro, o autobús sairá ás 15:20 horas desde a rotonda da Avenida República Arxentina para trasladar a veciñanza ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde ás 18:00 horas terá lugar a representación de ‘A Serie Clopen’. A chegada a Santiago está prevista para as 16:45 horas, e o regreso tras a función será ás 20:15 horas.
O transporte será totalmente gratuíto, mentres que o prezo da entrada á obra é de 5 euros. As persoas interesadas deben realizar a súa inscrición a través da web municipal, onde está dispoñible o formulario para reservar praza.
Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa cultura, facilitando o acceso a experiencias artísticas de calidade e promovendo a participación da veciñanza en actividades culturais profesionais.