– Estudantes, familiares e veciñanza en xeral encheu esta mañá o auditorio do Piñeiral do Crego para participar nunha mesa redonda sobre a enfermidade do alzhéimer. Profesionais sanitarios, de servizos xeriátricos e servizos sociais compartiron experiencias e contestaron ás preguntas do numeroso público.
-A xornada puxo de relevo a necesidade de “igualar os dereitos dos enfermos de alzhéimer cos de calquera outro cidadán” e reclamáronse á Xunta de Galicia máis recursos para Dependencia e Sanidade. Os participantes pediron máis investigación “para un diagnóstico e un tratamento precoz” e unha atención de calidade “tanto nas cidades como nas zonas rurais”.
O Concello de Redondela conmemorou hoxe o Día Mundial do Alzhéimer cunha mesa redonda titulada “Voces polo alzhéimer”. Celebrouse no auditorio do Piñeiral do Crego, en Chapela, contou coa presenza de profesionais da xeriatría, medicina, servizos sociais e familias de afectados. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, presentaron esta xornada facendo referencia ao lema do Día Mundial do Alzhéimer: “Igualando dereitos”. Rivas esixiu o dereito dos enfermos e das súas familias “a ser escoitados, a tomar as súas propias decisións, a contar cunha atención sanitaria específica, dereito á protección social e á dignidade”.
O doutor Miguel Ángel Vázquez, especialista en xeriatría e experto internacional en xerontoloxía social, puxo en valor “a gran participación no acto” e agradeceu as “interesantes preguntas” do público, en gran parte alumnado do colexio Alexandre Bóveda, o IES Chapela e o centro San José da Guía, pero tamén familiares de enfermos e veciñanza en xeral. Foi un acto moi dinámico e participativo, no que moitas das dúbidas do público versaron ao redor das diferentes fases do alzhéimer. Vázquez explicou que “non se pode normalizar a perda de memoria nas persoas maiores”, polo que é necesario unha mellor atención sanitaria. Sinalou tamén que o alzhéimer borra a memoria, pero “non os sentimentos e as lembranzas emocionais”. Familiares de enfermos compartiron tamén as súas experiencias, e manifestaron a súa “frustración” ante o avance da enfermidade e a falta de apoio por parte da administración. Todos coincidiron en demandar á Xunta de Galicia “máis recursos para Dependencia e Sanidade, e máis investigación para un diagnóstico e un tratamento precoz”. Esixiron tamén unha atención de calidade “tanto nas cidades como nas zonas rurais” e advertiron que “os dereitos dos cidadáns non poden depender do código postal no que vivas”.
Tamén participaron Pedro López Cadilla, director de Servizos Xeriátricos, Carmen Fernández Dopazo, traballadora dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Redondela, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Asociación AFAGA Alzhéimer, e María Delia Lina Dacosta, familiar dunha persoa diagnosticada de demencia. A alcaldesa agradeceu a todos os participantes a súa asistencia, e cualificou a xornada como un “éxito rotundo” no que quedou demostrado que a sociedade, incluída a xuventude, implícase por unha sociedade “máis xusta e igualitaria para todos e todas”.