HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteareas inaugura unha exposición de debuxos-poema de Alfonso Pexegueiro

O concello de Ponteareas inaugura unha exposición de debuxos-poema de Alfonso Pexegueiro

- Anuncio -spot_img

A inaguración será o mércores día 24 ás 19:30 horas en Artistea, Praza Maior, aberta a todos os públicos

“Que os soños nos axuden a descubrir a realidade e que a realidade nos permita descubrir os soños”, así dá benvida ao visitante a exposición de debuxos “Lúa de mar. Liñas poéticas de Alfonso Pexegueiro” que se inaugurará este mércores 24 de setembro na residencia Artistea da Praza Maior.

Esta exposición, organizada polo Concello de Ponteareas, enmárcase no programa de actividades “Seraogna, 50 anos” que conmemora a ópera prima do polifacético creador ponteareán nado en Angoares.  “un amplo programa que desenvolveremos ao longo de todo un ano e que pretende difundir e pór en valor a figura de Alfonso Pexegueiro ao cumprirse 50 anos daquela obra maxistral “Seraogna”, explica o concelleiro de Ensino e Letras, Ricardo González.

Baixo o título “Seraogna, 50 anos” acontecerán distintas actividades moi variadas como roteiros, conferencias, cursos sobre a obra de Pexegueiro, video poemas, actos musicais e algunha outra cousa máis que o Concello irá anunciando ao longo de 2025 e 2026. O programa inaugurouse na última edición de Corpus Christi na que o artista creou un deseño de alfombra de flores de Ponteareas visitado por milleiros de persoas.

Agora o día 24 inauguráse a exposición aberta a todos os públicos que recolle 27 debuxos que, en palabras do autor, “significan por si mesmos ao igual que un poema”. Comisionada por Beatríz Suárez e Alberto Cartón, ofrecerá tamén unha colección de 26 libros, que recollen obras de Pexegueiro e tamén colaboracións en obras de outros autores.

O público participante na inauguración do mércores ás 19:30 horas poderán gozar dunha visita guiada polo comisario Alberto Cartón así como visionar un vídeo resumo das creacións de Alfonso Pexegueiro.

A alcaldesa Nava Castro salienta que continuarán pondo en valor e difundindo as obras das e dos artistas de Ponteareas porque “nutren e nutriron a historia de Ponteareas a través das súas esculturas, verbas, poemas, pinturas, composicións musicais ou investigacións, entre outras disciplinas”. A alcaldesa adianta que a arte será un piar fundamental da estratexia de crecemento de Ponteareas.

Alfonso Pexegueiro

Como fundador de Rompente, Alfonso Pexegueiro liderou e compartiu cos artistas galegos de finais dos anos 70 e década dos 80 do século XX, unha dinámica rexenerativa e audaz das formas literaria e visual, con referencias ao bestiario paleontolóxico e mineral, e de despedazamento iconográfico sintético-figurativo, que coa neovangarda grupal de Atlántica se instalou case como marca formal da Galicia preautonómica –vivísima na liberdade efervescente e constitucional de revistas multidisciplinarias, cafés, bares, salas de exposicións públicas e galerías privadas–, retransmitida mediaticamente en canles televisivas, en prensa orgánica e nos alternativos fanzines para iniciados e coinasseurs. Por suposto, na destilada literatura poliédrica de Rompente, de traza performativa, entón tendencia, atenta ás súas circunstancias sociais, económicas e xeográficas, ao seu espírito de penetración distintiva e á súa notoriedade cultural, observa unha militancia que respecta a tradición, pero a descomprime e anchea adaptándoa a aqueles escenarios extravertidos.

Cos anos desvincúlase e constrúe un pavillón de honestidade no que se é nacente e se combate a inxustiza. E como lema: «Somos unha pregunta no baleiro do ser». E na ausencia, habítao. Pexegueiro converxeu con Guillermo Monroy, con Manuel Moldes, con Antón Lamazares, con José Freixanes, con Antón Patiño e Menchu Lamas, entre outros grandes protagonistas da plástica galega e do Estado, e é razoable que houbese un traspase na factura singular do motivo-concepto que podemos observar nas fichas-poemas mencionadas, ao igual que nos numerosos apuntamentos sinópticos que resaltan moitos dos seus libros preferidos, anotados e bosquexados naqueles anos. Catro décadas despois, por exemplo, nun exemplar dos Diarios, de Paul Klee (da súa biblioteca particular), as gardas mutan en dúas viñetas nas que plasma unha frase concisa arroupando un ingrávido ente anxelical, toda unha arela: «Ángel de sueños. Tiempos de luna y llanto, amor escondido. ¡Vuelve!». Ou na intervención radical coa que abafa unha edición de Seraogna de 1997. Sinalar estes axiomas tintados de Pexegueiro inseridos nas pezas pictóricas sobre papel, libros ou obxectos, provócanos unha creba coa unicidade da pintura elemental, pois amplíaa especificamente cara á liberación da palabra e invístea de plástica idiomática e ideogramática. En case todas as páxinas-cadro o valor da dedicatoria aglutina a sensitividade cromática e a lexibilidade efectiva da orde casual na súa polarización asignada á palabra, á oración e á súa propia declinación en pertenza. A escrita como verso e a pintura como sentimento nun conxunto dual de expresión votiva que «vemos» e «lemos» en pílulas de filosofía cordial: «El río con el amor en brazos, así nos llega la vida, 6 octubre 2020»; «18 setembro 2022, la edad infantil desaparece, la infancia permanece siempre»; «O mundo quedou atrás pechado na súa ignorancia; o coñecemento converteuse en ignorancia»; «Danza azul, sol de amor (febreiro de 2025)». A lembranza trazada en gramática pictórica é coma unha lonxitude radiante da vida. E a ritual Aves de sol, en cursiva titular, como se merece ese debuxo-deseño, é unha insignia que dedicou Pexegueiro ás súas veciñas e veciños, amigas e amigos de Ponteareas, vestida despois con pétalos nunha alfombra conmemorativa para a festividade do Corpus de 2025, da que os bosquexos previos abrollaron en 2020.

Publicacións Relacionadas