HomePontevedraO PSOE de Caballero veta en Vigo unha declaración institucional do BNG...

O PSOE de Caballero veta en Vigo unha declaración institucional do BNG contra o xenocidio na Palestina

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista denuncia a negativa do grupo socialista a acordar no Pleno municipal que Vigo non acolla ningún evento con participación de Israel

Xabier P. Igrexas: “É indecente ver como o PSOE antepón a súa axenda partidista e a súa fobia ás propostas do BNG por riba do masacre e de illar o estado sionista de Israel”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o PSOE de Abel Caballero vén de vetar unha declaración institucional en Vigo contra o xenocidio na Palestina. Na Xunta de Portavoces celebrada este mércores, o grupo socialista rexeitou “sen dar un só argumento” a proposta do BNG para acordar no Pleno do Concello que a cidade non acolla ningún evento con participación de Israel.

“Como sucede desde outubro de 2023, o PSOE de Abel Caballero segue arrastrando os pés á hora de actuar contra o xenocidio na Palestina”, afeou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentando que o PSOE “adiantase pola dereita” ao Partido Popular, que se abstivo “de forma sorprendente” no ditame da Xunta de Portavoces.

Igrexas lembrou que é a terceira declaración institucional sobre Palestina vetada polo PSOE no Concello de Vigo, unha do propio BNG en novembro de 2023 e outra da Plataforma Cívica Propalestina de Vigo, en xuño de 2024, da que o grupo socialista facía parte nese momento. “É indecente ver como o PSOE antepón a súa axenda partidista e a súa fobia ás propostas do BNG”, cuestionou.

O portavoz nacionalista criticou tamén a negativa de Abel Caballero a outras propostas realizadas polo BNG en Vigo nesa liña, como outorgar a Medalla da Cidade á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados/as da Palestina en Oriente Pŕoximo (UNRWA); destinar 300.000 euros (apenas 1 euro por habitante) a axuda humanitaria en auxilio da poboación de Gaza; así como impedir que a bandeira de Palestina ondease nin un só día na Casa do Concello, como se fixo noutros casos como a Ucraína.

Así, a única posición do Concello contra o xenocidio na Palestina foi o acordo plenario do pasado mes de maio (co voto en contra do PP) a través dunha moción do Bloque que pedía declarar persoa non grata a Netanyahu e o seu “gabinete criminal” e con medidas para os Gobernos español, galego e municipal no camiño de rachar relacións e illar o estado sionista de Israel.

Contraproposta “automasaxe” do PSOE

Igrexas cuestionou tamén a actitude do PSOE por negar que recibise a proposta de declaración institucional do Bloque. Un extremo que foi desmentido polo servizo da Secretaría Xeral do Pleno, confirmando que fora comunicada este martes ao voceiro socialista, Carlos López Font.

Dende o BNG afearon ademais que “o atrevemento” do grupo socialista por formular unha contraproposta que non foi comunicada con antelación aos partidos da oposición. Un documento que elimina o veto á participación de Israel en eventos da cidade e que, valorou o portavoz do Bloque, é unha “automasaxe” ao Goberno de Pedro Sánchez con alusións expresas ao propio PSOE.

“Desde o BNG vamos seguir defendendo, con toda a firmeza, que cómpre tomar decisións e dar pasos concretos para denunciar o xenocidio e illar o estado sionista de Israel”, remachou Igrexas.

Declaración proposta polo Bloque

A proposta de declaración institucional proposta polo BNG demandaba o apoio do Pleno municipal para que Vigo non acolla ningún evento deportivo, cultural ou doutra índole que teña relación ou conte co patrocinio de entidades israelís, nin que xustifiquen o xenocidio, instando a que o Goberno local adopte as medidas necesarias para impedilo. Unha demanda que trasladada tamén á Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galiza e ao Goberno español, xunto coa petición para que o Comité Olímpico Internacional exclúa Israel das competicións deportivas.

O documento recollía tamén o compromiso do Concello de apoiar na cidade todas as accións e convocatorias polo dereito da Palestina a constituír un estado libre e soberano. Entre elas, destacaba a manifestación nacional convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina o vindeiro 5 de outubro en Santiago de Compostela baixo o lema ‘2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación’.

Publicacións Relacionadas