O Concello de Mos dá un paso estratéxico na súa aposta pola transparencia, a corresponsabilidade e a implicación veciñal, coa posta en marcha dun proceso de participación cidadá, que marcará un antes e un despois na relación entre administración e veciñanza.
Deste xeito, o goberno local porá en marcha un proceso piloto de Orzamentos Participativos de cara ás contas municipais do ano 2026. Trátase dunha ferramenta coa que a cidadanía poderá propoñer e decidir, directamente, o destino dunha parte dos recursos municipais, priorizando necesidades reais e facendo un seguimento do grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polo concello.
Nun contexto onde o orzamento municipal de Mos alcanzou este ano os 14.965.773,65 euros, o maior da súa historia, cun remanente de Tesourería positivo de máis dun millón de euros e unha estabilidade orzamentaria de 3.443.454,37 euros, o pleno do 14 de marzo aprobou a posta en marcha de cara ao 2026 da partida “Mos Decide”, coa que a cidadanía poderá decidir directamente sobre parte dos investimentos municipais.
O proceso desenvolverase nas seguintes fases:
Información e difusión, para dar a coñecer á veciñanza os recursos dispoñibles e o calendario.
Recollida de propostas, a través de canles tanto presenciais coma dixitais.
Valoración técnica, onde o persoal municipal, co apoio dos seus asesores técnicos, analizará a viabilidade das propostas.
Votación cidadá, cun sistema transparente e accesible.
Devolución de resultados e planificación da execución dos proxectos.
Avaliación e seguimento, con informe final e propostas de mellora.
Poderán participar todos os empadroados en Mos maiores de 16 anos, garantíndose que cada persoa só vote unha vez, e que cada participante presente un único proxecto. As propostas poderán abarcar non só obras e equipamentos, senón tamén iniciativas relacionadas co medio ambiente, co urbanismo, coa sustentabilidade, ca limpeza, co lecer e o tempo libre, coa cultura e o deporte, co benestar, coa saúde, co apoio socioeducativo, coa accesibilidade, … entre outras áreas. A contía destinada á partida “Mos Decide” calcularase porcentualmente en función do total do orzamento de 2026.
Para garantir a continuidade e solidez deste proceso, o Concello de Mos iniciará a elaboración do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, que servirá de marco xurídico e procedemental, para tódalas figuras de democracia participativa en Mos, como consultas cidadás, consellos sectoriais, foros ou audiencias públicas.
“Este proceso sitúa á veciñanza no centro da vida pública municipal, reforzando a confianza nas institucións e abrindo unha nova etapa na forma de gobernar xuntos o noso concello”, destaca a alcaldesa Nidia Arévalo.



