Outra liña de incentivos por importe de preto de 500.000 € beneficiaron a un total de 41 comunidades de usuarios de abastecemento para optimizar as súas instalacións
A Xunta de Galicia concede máis de 3 millóns de euros a un total de 114 concellos galegos a través de dúas liñas de axudas para a mellora da rede de saneamento que permitirán, por unha banda, acometer obras para reducir infiltracións e, por outra, realizar auditorías que permitan detectar este tipo de problemas. Tamén se da traslado doutra orde de achegas, dotada con preto de 500.000 euros, para a mellora de instalacións de 41 comunidades de usuarios de abastecemento.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da concesión de subvencións a 54 concellos galegos para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais. Estas axudas, financiadas con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia e fondos NextGenerationEU, supuxeron mobilizar máis de 2,2 millóns de euros, a práctica totalidade do crédito previsto. A contía máxima da axuda ascende a 45.000 euros e foi concedida a nove entidades locais.
A segunda liña de incentivos económicos resolta, implicou mobilizar 853.200 euros para beneficiar a un total de 60 concellos de Galicia, que poderán realizar auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións. Neste caso, a contía máxima prevista é de 15.000 euros e foi acadada por catro concellos. O crédito de gasto da convocatoria destas axudas para 2025 quedou esgotado, o que demostra o interese por parte das entidades locais.
Aínda que os servizos de abastecemento e de saneamento á cidadanía son, por lei, unha competencia municipal, a realidade de moitos concellos galegos, especialmente a dos máis pequenos ou con poboacións dispersas, impide que poidan afrontar con autonomía os actuais retos en materia de infraestruturas hidráulicas, eficiencia, calidade da auga e cumprimento das esixencias normativas europeas e estatais.
Por iso, a Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, leva anos prestando o seu apoio estratéxico e sostido no tempo ás entidades locais, complementando na actualidade os tradicionais proxectos de envergadura e de carácter estrutural con outro tipo de accións, directas ou indirectas, puntuais e moi eficaces como poden ser o financiamento de auditorías, plans de mellora e pequenas obras en rede que permiten actuar de xeito áxil, eficaz e con impacto inmediato.
Achegas a comunidades de usuarios
Asemade, o DOG informa tamén hoxe da resolución dunha terceira convocatoria de axudas que, neste caso, está destinada á mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na comunidade.
Así, Augas de Galicia destina máis de 481.740 euros a 41 colectivos veciñais que xestionan e se ocupan do mantemento das súas propias traídas de auga. A convocatoria fixaba unha contía máxima de 15.000 euros por actuación, da que resultan beneficiadas un total de nove asociacións.
Con estes incentivos económicos preténdese apoiar ás comunidades de usuarios que xestionan e se ocupan do mantemento das súas propias traídas en pequenos núcleos e que, normalmente, teñen bastantes dificultades para proporcionar un servizo de calidade debido ao elevado custo das melloras e do mantemento deste tipo de instalacións.



