O Concello de Mos, en colaboración coa Xunta de Galicia e financiado con cargo aos fondos públicos recibidos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, lanzará durante os próximos meses un novo ciclo de Accións Formativas para Desempregados (AFD) co obxectivo de mellorar a empregabilidade, cualificar profesionalmente á poboación desempregada do municipio e facilitar a súa inserción laboral.
O programa contemplará 15 prazas totalmente gratuítas para cada unha das seguintes especialidades formativas:
SSCS0208. Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
SSCE0110. Habilitación para a docencia en graos A, B e C do sistema de formación profesional.
COMT0411. Xestión comercial de vendas.
As accións impartiranse en modalidade presencial, incluíndo carga horaria práctica en empresas como parte esencial da aprendizaxe. Poderán participar prioritariamente persoas desempregadas e inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego. O proceso de información e inscrición realizarase a través da Axencia de Colocación de Mos, previa verificación dos requisitos de acceso establecidos para cada acción formativa.
Capacitación dixital: nova quenda en outubro
En paralelo, o Concello de Mos, a través da súa Axencia de Colocación, está a desenvolver os cursos de capacitación dixital incluídos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiados con fondos Next Generation EU.
Estas accións formativas, de carácter totalmente gratuíto e cunha duración de 30 horas, teñen como finalidade mellorar as competencias dixitais da poboación, ofrecendo oportunidades de aprendizaxe nas ferramentas tecnolóxicas necesarias hoxe en día.
O 13 de outubro empeza un novo curso (de nivel baixo-medio) e dura ata o 24 de outubro, cun horario de 9:30 a 12:30. As inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico a empleo@concellomos.es ou chamando ao 986 48 77 86.