A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena súmase á conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro, cun programa de actividades que terá lugar entre os días 6 e 10 de outubro.
O obxectivo é sensibilizar á cidadanía sobre a importancia do benestar emocional, combater os estigmas arredor dos problemas de saúde mental e promover a busca de apoio cando é necesario. A biblioteca quere así reforzar o seu papel como espazo de cultura, encontro e coidado comunitario.
As actividades programadas nesta iniciativa son, en primeiro lugar, a exposición bibliográfica “Ler para coidármonos: saúde mental e benestar”, na que durante toda a semana, a biblioteca porá á disposición do público unha selección de libros, artigos, guías e outros recursos que abordan temas como o autocoidado, a resiliencia, a xestión emocional ou experiencias vitais relacionadas coa saúde mental.
Por outra banda, instalarase un buzón anónimo de emocións, co que se creará un espazo seguro no que as persoas usuarias poderán escribir, de maneira anónima, como se senten ou que significa para elas a saúde mental. O material recollido servirá como peche simbólico da semana, a través da lectura respectuosa e anónima dalgunhas das achegas.
Con esta iniciativa, a Biblioteca Pública Municipal María Magdalena reafirma o seu compromiso co benestar integral da veciñanza, promovendo a saúde mental como parte esencial do desenvolvemento persoal e colectivo.