HomeVigoMosO Concello de Mos conta cunha nova rede de contedores de recollida...

O Concello de Mos conta cunha nova rede de contedores de recollida de roupa

- Anuncio -spot_img

O Proxecto Téxtil de Cáritas segue a consolidarse en Mos, avanzando no seu compromiso coa economía circular, a sustentabilidade e a inserción laboral de persoas en situación ou risco de exclusión. Deste xeito, esta semana empezáronse a instalar os novos contedores de recollida de roupa en Tameiga (Rans), Dornelas (Recinto da Igrexa), Guizán (fronte ao Local Social e Cultural da Comunidade de Montes), Torroso (Centro Dotacional), Cela (xunto á Igrexa), Louredo (Santiaguiño, no cruce Cerdeiriñas – Cabaleiros) e Pereiras (xunto á Igrexa de San Miguel).

Estes puntos súmanse aos xa existentes en Petelos, Sanguiñeda e Mos, completando así o servizo de recollida de téxtil en todas as parroquias do municipio e garantir a trazabilidade da roupa recollida.

Este proxecto forma parte da campaña do Concello de Mos “Reciclar está nas nosas mans. Facermos un Mos máis sostible. Cada paso conta, cada acción suma”, que inclúe, ademáis da recollida de roupa, a reciclaxe de aceite ou de residuos orgánicos, e que se vai difundir tanto nas parroquias coma nos centros educativos e hostaleiros do municipio durante os meses de novembro, decembro e xaneiro para concienciar á veciñanza sobre a importancia da reciclaxe e do consumo responsable.

Trazabilidade

Un dos piares fundamentais deste proxecto é a trazabilidade da roupa recollida, que garante transparencia e confianza en todo o proceso. Cada peza depositada nos contedores ou puntos de doazón é transportada a plantas de clasificación social, rexistrada e pesada para asegurar un control exhaustivo. Posteriormente, cada lote recibe un código de trazabilidade que permite coñecer o seu destino final: reutilización nas tendas Moda re-, reciclaxe, doazón social ou valorización.

Deste modo, conséguese que cada doazón teña un percorrido claro e responsable, xerando ademais emprego inclusivo en todas as fases do proceso.

A roupa en bo estado destínase a dous canais principais:

Entrega social, a través dos servizos de acollida de Cáritas, proporcionando prendas gratuítas a persoas e familias vulnerables.

Tendas Moda re-, espazos de segunda man con roupa de calidade a prezos accesibles, fomentando o consumo responsable e ofrecendo unha segunda vida ás prendas.

Ademais, nas vindeiras semanas está prevista a posta en marcha en Santiago de Compostela dunha nova planta de reciclaxe textil impulsada polo proxecto Arroupa, que suporá un salto cualitativo na xestión da fracción textil en Galicia e reforzará a creación de novas oportunidades laborais.

Publicacións Relacionadas