O Concello de Bueu colabora un ano máis coa Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO), e por iso este mércores, 1 de outubro, se iluminou a Casa do Concello de cor verde, coincidindo co Día Nacional da Artrite.
O acto de encendido simbólico tivo lugar ás 21.00 horas e nel participaron concelleiros e concelleiras da corporación, así como membros da asociación pontevedresa.
Ao longo do mes de outubro, Asearpo leva a cabo a campaña “Outubro, mes da artrite e espondiloartrite”, unha iniciativa que veñen desenvolvendo desde o ano 2009. A través desta campaña realizan diversas actividades coa finalidade de sensibilizar, informar e dar visibilidade a estas enfermidades, que a miúdo pasan desapercibidas a simple vista. Estas patoloxías caracterízanse por períodos de maior ou menor actividade e poden causar dores moi intensas, chegando a dificultar tarefas cotiás tan simples como abotoar unha camisa ou atar uns zapatos. Cómpre destacar que non afectan unicamente a persoas maiores, senón tamén a mozos e mesmo a nenos.