O Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra (COEPO) organiza, en colaboración co Concello de Covelo e o Concello de Mondariz, a I Xornada de Enfermaría Rural, que terá lugar o venres 10 de outubro ás 17:30 horas no Auditorio Municipal de Covelo.
Este encontro nace co obxectivo de visibilizar, recoñecer e potenciar o valor da enfermaría no ámbito rural, un sector no que as profesionais teñen un papel fundamental tanto na prevención como na atención directa á poboación.
Un programa práctico e participativo.
A xornada abrirase cunha mesa redonda de enfermeiras/os rurais, na que se abordará o papel da profesión, os perfís habituais de pacientes, as patoloxías máis frecuentes e as necesidades específicas destes contornos. Ademais, trataranse tamén as reivindicacións e propostas de mellora a curto e longo prazo.
O programa inclúe tamén o espazo “Pregúntalle á túa/teu enfermeira/o”, pensado para a interacción directa co público, así como obradoiros prácticos de RCP e simulacións da agrupación de Protección Civil Oitaven-Tea. A clausura culminará cun aperitivo de convivencia.
Transporte gratuíto desde Pontevedra e Vigo.
Para facilitar a asistencia, a organización pon á disposición das persoas interesadas un servizo de autobuses gratuítos desde Pontevedra e Vigo, con saída ás 15:45 h desde o Hospital Provincial (Pontevedra) e ás 16:15 h desde a Escola Universitaria de Povisa (Vigo).
Unha oportunidade para recoñecer a enfermaría rural.
Desde o COEPO destacan que esta primeira edición da xornada supón unha oportunidade única para recoñecer o labor das/dos enfermeiras/os rurais, reforzar a súa importancia no coidado das comunidades e fomentar a actualización profesional.
Información práctica
Data: venres, 10 de outubro
Hora: 17:30 h
Lugar: Auditorio Municipal de Covelo
Autobuses gratuítos desde Pontevedra e Vigo
As persoas interesadas poden obter máis información en www.coepo.com



