O mandatario provincial, acompañado pola alcaldesa Marta Giráldez, comproba o remate dunhas obras financiadas ao 100% polo organismo provincial
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou este martes en Meis o remate das obras de reforma e mellora da eficiencia enerxética da Escola Infantil de Mosteiro. O mandatario provincial percorreu as distintas estancias desde reformado inmoble valorado nuns 467.000€ e financiado ao 100 % polo organismo provincial, con cargo ao programa PON2030 e ao +Provincia. “É fundamental ver a realidade de obras que son transformadoras, estratéxicas e melloran a calidade de vida das veciñas e veciños”, salientou o mandatario provincial, quen visitou este novo espazo acompañado pola alcaldesa, Marta Giráldez.
A intervención, xa rematada, serviu para que o edificio sexa máis eficiente desde o punto de vista enerxético e que poida dar cabida a un maior número de prazas por medio da redistribución de espazos e a construción dunha aula máis na zona de gardería. As actuacións centráronse na renovación da envolvente do edificio coa inclusión de illamento térmico e na renovación da carpintería exterior. Por outra banda, procedeuse á climatización dos espazos con aerotermia e á produción de auga quente cun termo de bomba de calor, solucións que reducirán a pegada de carbono destas instalacións.
“Na miña primeira visita a Meis, aló por novembro do ano 2023, asinabamos un convenio entre o Concello e a Deputación para facer realidade esta obra cun excelente resultado e cunhas instalacións que reportan unha maior comodidade a todos os usuarios. A nova repartición de espazos e as medidas importantes de aforro enerxético farán que estar nesta Escola Infantil de Meis sexa aínda moito mellor do que viña sendo e que vai en beneficio dos 39 nenos e nenas de 0 a 3 anos”, sinalou o presidente Luis López.
Ademais da colaboración entre a Deputación e o Concello para facer realidade a mellora da escola infantil de Mosteiro, o dirixente provincial reafirmou o compromiso do goberno provincial cos concellos, incluido o de Meis, nos que están a realizar achegas “de récord” a través de plans como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o Plan Extra. En concreto, o Concello de Meis ten previsto recibir este ano máis de un millón de euros.



