As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como a praia da Lanzada, a illa de Tambo ou o Balneario de Mondariz e coñecerán a Festa do Porquiño á Brasa de Moraña
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 263 persoas chegadas desde os concellos de Barro, Mos, Redondela, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. A máis multitudinaria será a excursión da veciñanza de Mos, coa mobilización de 55 persoas este sábado 30 de agosto a través Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso ao Balneario de Mondariz.
As actividades do sábado complétanse coa viaxe a San Vicente do Grove por parte de 54 veciños da Asociación de Chapela (Redondela) e coa visita á praia da Lanzada que realizarán 51 participantes procedentes do Grupo de Danzas Folclóricas Amor Ruibal (Barro). As saídas rematan o domingo 31 de agosto con 53 persoas da Asociación Cultural Comparsa Os Golfiños (Vilanova de Arousa), viaxando á illa de Tambo, e mais 50 mulleres da Asociación Os Borrizos de Cornazo (Vilagarcía de Arousa) que coñecerán a Festa do Porquiño á Brasa de Moraña.
+Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia, e o crédito dispoñible xa está esgotado.
A Deputación concede a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.