HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva a Ponte Caldelas un concerto de Luar na Lubre...

A Deputación leva a Ponte Caldelas un concerto de Luar na Lubre este domingo a través do programa +Música

- Anuncio -spot_img

O grupo actuará na Praza Frei Antonio Orge ás 21:00 horas no marco da Festa das Dores

+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 31 de agosto a Ponte Caldelas un concerto de Luar na Lubre enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Praza Frei Antonio Orge a partir das 21:00 horas no marco da Festa das Dores da localidade.

Nos seus 38 anos de andaina musical, Luar na Lubre vendeu máis de 350.000 exemplares e recibiu dous Discos de Ouro, 9 Premios da Música e outros recoñecementos tanto dentro como fóra de Galicia. A formación leva ofrecidos máis de 2.000 concertos en máis de 40 países, onde participou en festivais destacados e actuou xunto a artistas internacionais como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. Actualmente é considerado un dos grupos máis destacados do folk galego, e presentará no escenario de Ponte Caldelas as cancións do seu novo traballo, “Luar Na Lubre XX. Encrucillada”, unha recompilación dalgúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio.

O concerto de Luar na Lubre é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

Publicacións Relacionadas