HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuisa Sánchez anuncia que a segunda edición do Galicia Fest se celebrará...

Luisa Sánchez anuncia que a segunda edición do Galicia Fest se celebrará os días 26 e 27 de xuño de 2026

- Anuncio -spot_img

“Está claro que, se hai un bo motivo, a xente móllase. O empuxe do público e o apoio das administracións públicas garanten máis e mellor Galicia Fest”, avanzou a vicepresidenta

A representante provincial compromete a presenza de grupos de Vigo no cartel e avanza que xa se barallan máis dunha decena de nomes para poñerlle o acento local ao evento

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este martes as datas nas que se celebrará a segunda edición do Galicia Fest. Tal e como avanzou, o evento adiantarase no calendario para desenvolverse os días 26 e 27 de xuño de 2026. “Este ano practicamente pechamos os festivais de música na provincia e o ano que vén faremos o contrario, ímolos abrir”, salientou.

Ademais, Luisa Sánchez comprometeu a presenza de grupos de Vigo no cartel e avanzou que xa se están a barallar máis dunha decena de nomes para poñerlle o acento local ao evento. “Afortunadamente, na nosa cidade hai moitos grupos e moi bo nivel musical. Pero antes de adiantar ningún nome, hai que falar con eles e cadrar axendas. Queda un longo percorrido”, engadiu.

A este respecto, tamén precisou que esas bandas locais figurarán no elenco de artistas ao mesmo nivel que o resto e non comi “teloneiros”. “Aquí non hai teloneiros, aquí todos os grupos son protagonistas. Eles e o público son os verdadeiros protagonistas”, sinalou.

No seu balance da primeira edición do Galicia Fest, a vicepresidenta provincial sostivo que o evento se estreou con “éxito”. Tras esgotarse todos os abonos e entradas, máis de 6.000 persoas encheron o Peirao de Transatlánticos. Delas, o 80% procedían da cidade olívica. “Isto deixa dúas lecturas: que a nosa cidade tiña gañas de gozar dun festival coma este e que, ao mesmo tempo, conseguimos atraer máis de mil visitantes, co conseguinte retorno”, indicou.

Igualmente, recordou que o festival foi posible grazas á colaboración das institucións públicas, principalmente Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Autoridade Portuaria de Vigo. Do mesmo xeito, gabou o traballo da organización. “Recibín moi bo retorno da xente”, revelou.

Así, Luisa Sánchez agradeceu á cidade que se “envorcara” co evento e asumiu que a resposta do público evidencia que Vigo “pedía este festival e que a Deputación e a Xunta escoitaron esa demanda”. “Está claro que, se hai un bo motivo, a xente móllase. O empuxe do público e o apoio das administracións públicas garanten máis e mellor Galicia Fest”, subliñou.

Publicacións Relacionadas