HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destinará máis de 250.000 euros á humanización da estrada da...

A Deputación destinará máis de 250.000 euros á humanización da estrada da praia de Meira, en Moaña

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial María Ramallo visitou o concello para anunciar que esta actuación será financiada con recursos do Plan +Provincia que serán aprobados na Xunta de Goberno deste venres

A deputada provincial María Ramallo visitou este mércores Moaña, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra financiará as obras de humanización da estrada da praia de Meira. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de máis de 254.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, este programa provincial destina á vila un total de 1,1 millóns de euros e, no caso da liña 1 de investimentos, preto de 775.000 €.

A deputada deu conta dos traballos que se van realizar en Moaña cos recursos provinciais, que suporán un cambio radical na relación entre a contorna (a antiga fronte marítima deste núcleo de casas de pescadores) e os peóns, reducindo o uso dos vehículos para favorecer un desprazamento sostible. O resultado das actuacións suporá incrementar o espazo peonil nun 274%, pasando de 538 m2 a 2.016 m2. Ademais, cos recursos do +Provincia a estrada da praia de Meira contará con percorridos accesibles, seguros e atractivos, así como espazos de lecer e relación interpersoal con bancadas, faladoiros e iluminación difuminada. As obras tamén inclúen outros aspectos como a limitación da velocidade e circulación restrinxida a residentes, servizos e vehículos de emerxencia, así como a reordenación do aparcamento, que queda reservado á Estrada da Ribeira cun espazo disuasorio en liña.

María Ramallo puxo en valor o Plan +Provincia, “o plan de obras e servizos máis ambicioso da historia da Deputación con máis de 48 millóns de euros en 2025 para os concellos da provincia”, xa que supón “o perfecto exemplo de como facemos as cousas desde este goberno provincial: con municipalismo e escoita activa para comprometernos cos proxectos que os gobernos municipais queren desenvolver nas súas vilas”. Grazas a estas actuacións impulsadas pola Deputación, sinalou a deputada provincial, “estamos a impulsar o avance e a modernización da provincia de Pontevedra, mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza ao darlle máis espazos onde desenvolver a seu día a día en comunidade”.

Publicacións Relacionadas