O dirixente provincial participa na localidade vilagarciá de Vilaxoán na presentación dun festival que se celebra do 11 ao 14 de setembro
O mandatario provincial salienta a utilidade dos Rías Baixas Fest para dinamizar a economía local, diversificar a oferta cultural e descentralizar a actividade turística
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o festival Revenidas, un dos seis festivais englobado na marca Rias Baixas Fest que impulsa o organismo provincial, como unha das propostas de calidade polas que o destino turístico Rías Baixas recibe cada ano máis visitantes. “Mentres a banda sonora do verán nas Rías Baixas siga soando, o verán non remata”, declarou o mandatario provincial que vén de participar este xoves na localidade vilagarciá de Vilaxoán, acompañado pola directora de turismo da Deputación, Romina Fernández, no acto de presentación oficial dun evento que se celebra a vindeira fin de semana, do 11 ao 14 de setembro.
“O festival Revenidas xa é unha referencia e é un orgullo poder desfrutar dos mellores grupos de Galicia e que Arousa sexa capital da cultura galega”, salientou o mandatario provincial facendo fincapé na contribución deste evento para descentralizar, desestacionalizar e avanzar na sustentabilidade do turismo na provincia.
O Revenidas celebrarase ao longo de catro xornadas, desde o 11 ao 14 de setembro, na contorna da localidade de Vilaxoán. Catro días nos que os asistentes, ademais de desfrutar da música de grupos de referencia no eido musical galego como The Rapants, Sés, Baiuca, Mondra ou Heredeiros da Crus; tamén poderán desfrutar da gastronomía local. De feito, a Deputación organiza por primeira vez este ano un dos actos máis agardados en cada edición do festival, a Sardiñada Turismo Rías Baixas, unha degustación popular dun dos produtos máis emblemáticos da cociña local que terá lugar o domingo 14 a partir das 13.30 horas e servirá para poñer o colofón a catro días de festival nunha contorna natural excepcional. “Se as Rías Baixas están de moda, gran parte de responsabilidade a teñen os que organizan estes festivais”, afirmou o mandatario en referencia ao Revenidas e os Rías Baixas Fest.
Coa celebración deste festival, son xa cinco os eventos celebrados este ano baixo o paraugas da marca Rías Baixas Fest, todos eles con éxito de público e de organización. Con todo, o ciclo de festivais deste ano non remata neste mes de setembro porque o vindeiro mes de novembro terá lugar a última incorporación deste conxunto que patrocina a Deputación: o Underfest Xacobeo de Vigo. “Reiteramos o apoio da Deputacion aos concertos, aos festivais e todas as accións que se poñen en marcha arredor destes eventos”, concluíu o presidente Luis López despois de agradecer o labor de todas as persoas implicadas no Revenidas e convidar a todo o mundo a que se achegue a vindeira fin de semana a Vilaxoán.



