O presidente provincial salienta as sete comunidades enerxéticas que se están a constituír na provincia da man da Oficina de Transformación Enerxética no primeiro congreso de comunidades enerxéticas, no que tamén participou o deputado Javier Tourís
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta un impulso investidor de 8,5 millóns de euros para fomentar proxectos de mellora de eficiencia enerxética e a instalación de sistemas de produción e consumo de enerxía sustentables en concellos, comunidades e sedes de diversos colectivos de toda a provincia. Fíxoo con motivo da celebración do primeiro congreso sobre comunidades enerxéticas que está a organizar o organismo provincial este mércores no viveiro de empresas que ten no polígono industrial de Barro Meis. “A produción e consumo de enerxía tamén forma parte da nosa aposta transversal pola sustentabilidade. Así, creamos a Oficina de Transformación Comunitaria, enmarcada no programa +Renovables, unha aposta que en menos de dous anos de funcionamento está a demostrar ser un verdadeiro acerto”, afirmou o mandatario provincial para inaugurar un acto no que deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, foi o encargado da clausura.
Ao longo de toda a xornada, o congreso organizado pola Deputación, para presentar o funcionamento da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación, así como do estudo enerxético da provincia e o peso e potencial que teñen as comunidades enerxéticas no territorio. Así mesmo, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer casos de éxito de comunidades enerxéticas, as innovacións tecnolóxicas en materia de enerxía, os detalles das políticas públicas, da regulación e das implicacións económicas relacionadas con estas comunidades e participar en dous obradoiros sobre emprendemento verde e participación cidadá.
O mandatario provincial, encargado de dar a benvida aos asistentes xunto co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes; lembrou que a Deputación puxo en marcha esta Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables hai menos de dous anos cun orzamento de 750.000 euros, dos que 500.000 euros son financiados con fondos europeos. O obxectivo deste proxecto é fomentar a creación de comunidades enerxéticas nos concellos de menos de 50.000 habitantes, especialmente aqueles do Reto Demográfico. “Desde a súa posta en marcha en febreiro do ano 2024, son xa numerosos os logros acadados: Realizamos 57 reunións informativas en 57 concellos, asesoramos e acompañamos a 14 entidades interesadas na constitución dunha Comunidade Enerxética, contamos con unha Comunidade Enerxética constituída e outras 6 que están a piques de facelo e realizamos un total de 40 estudos: 36 en municipios e tres para grupos promotores, que son as Comunidades de Montes de Anceu e Nespereira e a Residencia da 3ª Idade de San Pedro de Crecente”, enumerou o presidente.
Pero a actividade desta Oficina de Transformación Comunitaria está lonxe de rematar e son numerosas as actividades previstas para as vindeiras datas. “Temos pechadas 18 novas charlas en Concellos, 2 novas charlas con grupos promotores, 23 estudos de potencial enerxético para aprobar en concellos, 14 novos asesoramentos, 14 novos casos de seguimento e acompañamento e 8 novas accións formativas en 8 comarcas”, continuou López.
A actividade da Deputación en materia de eficiencia e mellora da produción e consumo de enerxía non se limita unicamente á posta en marcha deste proxecto. Ao longo destes dous anos de goberno, están en marcha programas valorados nuns 8,5 millóns de euros. “Ao abeiro do programa +Renovables imos investir 4,2M€ en 38 concellos da provincia para a instalación de plantas fotovoltaicas, un proxecto que conseguir unha axuda europea de 2,4M€”, explicou o dirixente, para citar a continuación outros fitos como: “Os máis de 2,7M€ para a renovación do alumeado público en 18 concellos da provincia, as instalacións fotovoltaicas por valor de case 160.000€ en cinco concellos, as instalacións xeotérmicas en dous concellos valoradas en máis de 410.000€ ou os máis de 120.000€ para instalacións de aerotermia sustentable en concellos como Catoira e As Neves”, concluíu.
O presidente da Deputación rematou a benvida aos asistentes ao congreso verbalizando o agradecemento e recoñecemento a todas as persoas, colectivos e administracións que se están a sumar a esta Oficina de Transformación Comunitaria e desexou que no vindeiro congreso as cifras e experiencias relacionadas coas comunidades enerxéticas “sexan aínda máis positivas”, rematou o presidente Luis López.



