Trátase de comunidades de usuarios de augas de Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas e Vilaboa que recibirán axudas que oscilan entre os 2.100 e os preto de 6.000 euros
No conxunto da provincia benefícianse desta liña de axudas, que ascende a 300.000 €, 61 comunidades de augas
+Novaqua é unha das tres liñas de axudas dirixidas ao movemento veciñal postas en marcha polo goberno da Deputación de Pontevedra, dotadas neste 2025 coa cifra récord de 5 millóns de euros
A Deputación de Pontevedra aprobou destinar preto de 143.500 euros do Plan +Novaqua a trinta comunidades de usuarios de augas da contorna de Pontevedra para a regularización das traídas veciñais. Trátanse de entidades de Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas e Vilaboa que recibirán axudas que oscilan entre os 2.100 e os preto de 6.000 euros. En total, no conxunto da provincia, benefícianse de +Novaqua 61 comunidades de augas que recibirán 300.000 €.
Máis de 46.200 euros irán a nove entidades de Vilaboa entre as que se atopan as comunidades de usuarios de augas de Chan do Monte, Alouce, Balteiro, Cabadas Abertas, Río de Bois, Bertola, Areeiros, Curra e Bertán; preto de 19.000 euros a catro entidades de Ponte Caldelas entre as que se atopan as comunidades de augas de Anceu, Rebordelo, Forzáns-Aldea e Pazos; máis de 14.000 euros para as comunidades de augas Pozo do Monte e Seixiños, A Zapata e Monte Loureiro de Cidrás en Poio; preto de 13.000 € para tres comunidades de augas de Pontevedra entre as que se atopan as de Acevedo, Liñeiriños e Cabanas; máis de 11.000 € para as comunidades de augas de Xanique-Val do Fento e de Fontegrande, en Cerdedo-Cotobade; preto de 10.000 € para as comunidades de usuarios de auga de Paradela, Souto, Bouza e Barreiro e para a de Costa e Mourigán en Portas; máis de 9.500 € para dúas entidade de Caldas de Reis entre as que se atopan a comunidade de usuarios de auga de Pazo-Eirín e a de Don Paulos; máis de 9.400 € para as comunidades de augas de Cerdeiras e Fontenla e para a de Reboredo en Campo Lameiro; preto de 6.000 € para a comunidade de augas de Magán en Cuntis; máis de 3.200 € para a comunidade de usuarios de augas de Saiáns, en Moraña; e máis de 2.100 € para a comunidade de usuarios de augas de Macenlle, en Marín.
En total foron 85 as comunidades de usuarios de auga que presentaron solicitudes para optar ás axudas +Novaqua. Delas 9 quedaron excluídas por non posuír os requisitos fixados nas bases da convocatoria e outras 7 non presentaron a documentación no prazo esixido nin emendaron a solicitude. Ao ser maior a demanda que o crédito dispoñible, pese a incrementar a súa dotación dos 100.000 € iniciais aos 300.000 €, foi preciso, tal e como recollen as bases das axudas, realizar un sorteo a través do cal se seleccionaron as 61 comunidades de augas beneficiarias.
“A elevadísima demanda destas axudas está a poñer enriba da mesa a necesidade existente entre o movemento veciñal e asociativo, ignorado polo anterior goberno provincial”, asegurou o presidente da Deputación Luis López quen manifestou a vontade de “seguir apostando polo tecido asociativo, impulsando plans e programas específicos que permitan dar respostas ás súas necesidades”. Neste eido, o presidente provincial recordou que +Novaqua é unha das tres liñas de axudas dirixidas ao movemento veciñal postas en marcha polo goberno da Deputación: Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua, dotadas neste 2025 coa cifra récord de 5 millóns de euros.



