Rob Riemen, Francesca Ferrando, Ángela Molina Climent e Françoise Vergès intervirán nesta cita aberta ao público que se celebrará do 25 ao 27 de setembro na sede da UNED en Pontevedra
No marco da 32.ª Bienal de Arte de Pontevedra, a Deputación e a UNED presentan o seminario internacional “Volver a ser humanos”, un espazo de reflexión que reunirá figuras destacadas do pensamento, a arte e o mundo académico para analizar o impacto da guerra no presente e o papel da arte, da memoria e do pensamento como elementos de resistencia, sanación e esperanza. O encontro, aberto a todos os públicos, celebrarase os días 25, 26 e 27 de setembro na sede da UNED en Pontevedra, tanto en modalidade presencial como en liña.
O seminario reunirá recoñecidas personalidades da reflexión e da creación contemporáneas: a crítica de arte e filóloga Ángela Molina Climent; o ensaísta neerlandés e fundador do Nexus Institute Rob Riemen; a teórica política e comisaria Françoise Vergès; o artista e estratega Alberto Barreiro; o crítico de arte e comisario italiano Demetrio Paparoni; a artista, escritora e cineasta palestina Emily Jacir; o fotógrafo israelí fundador da organización Breaking the Silence Miki Kratsman; e a filósofa Francesca Ferrando, especialista en estudos poshumanos e profesora na Universidade de Nova York.
A programación do seminario arranca o xoves 25 á tarde coa inauguración e as intervencións de Ángela Molina Climent e Rob Riemen. O venres á mañá terán lugar as conferencias de Alberto Barreiro e Demetrio Paparoni, e á tarde as de Emily Jacir e Miki Kratsman. Concluirá na mañá do sábado, coa participación de Françoise Vergès e Francesca Ferrando. Está dirixido por Sergio Martínez Luna, vicedecano e profesor de Filosofía da UNED, coa codirección de Antón Castro e Agar Ledo Arias, comisario e comisaria adxunta da Bienal, e coa coordinación de Rafael Cotelo Pazos.
A asistencia é gratuíta, e require a inscrición a través da web de extensión universitaria da UNED: https://extension.uned.es/actividad/46815&codigo=46815. Está aberta a todo o público e pode elixirse entre asistencia presencia ou asistencia online en directo ou en diferido.
Reflexionar sobre a guerra e o humanismo no século XXI
O seminario adopta o título da Bienal, “Volver a ser humanos”, para situar no centro da reflexión as guerras actuais que condicionan a vida cotiá de millóns de persoas. A través de conferencias e diálogos, o seminario convidará a reflexionar sobre cuestións esenciais do noso tempo: as responsabilidades que nos corresponden como cidadáns perante os conflitos que atravesan o mundo; o modo no que as migracións forzadas, a pobreza e o desprazamento condicionan a nosa percepción do presente; a capacidade da arte, da palabra e do pensamento para contribuír á reconstrución da esperanza e da paz; así como o sentido de volver a ser humanos na encrucillada contemporánea entre humanismo, poshumanismo e transhumanismo.



