A fronte nacionalista chama a constituír un grupo de traballo para elaborar unha alternativa ao actual sistema por consideralo “obsoleto, contaminante e carísimo”
Defende emendas á ordenanza fiscal para reducir nun 14% o “tarifazo” no recibo do lixo
Xabier P. Igrexas: “É o momento de que o Concello avance cara a un novo modelo baseado na redución en orixe, recollida selectiva, reutilización, reciclaxe e compostaxe”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón avanzar nun novo modelo de xestión de residuos co obxectivo de que Vigo abandone Sogama. A fronte nacionalista vén de demandar ao Goberno municipal que constitúa un grupo de traballo para estudar e elaborar unha alternativa ao actual sistema, que cualifica de “obsoleto, contaminante e carísimo”.
Así o defendeu este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, en resposta ao intercambio de acusacións dos últimos días entre Sogama e o Concello de Vigo. “Non se trata só de rexeitar un tarifazo inxusto, senón de dar o debate sobre como xestionamos os residuos, unha das grandes materias pendentes de Vigo”, afirmou, lamentando que hoxe na cidade apenas se recolle para reciclaxe o 13% do total de residuos, lonxe do obxectivo do 50% marcado pola normativa europea, estatal e galega para este ano 2025.
Igrexas criticou o modelo “antiecolóxico” de Sogama, que segue a queimar a metade do lixo que recibe e acumula en vertedoiro máis dun 30%. Na actualidade só se logra recuperar a través da reciclaxe o 7%, unha cuestión que demostra, a xuízo do portavoz nacionalista, a “ineficacia de Sogama”. Contrapuxo estas cifras coas rexistradas coa planta comarcal de Nostián, na Coruña, onde se recupera unha cuarta parte dos residuos.
Dende o Bloque sinalaron como causa os intereses económicos privados detrás do modelo de Sogama, con grupos como Gas Natural (que posúe o 49% da empresa) ou de empresas como Valtalia-Copasa, con claras vinculacións co Partido Popular e que recibiu 700 millóns de euros en contratos públicos durante os últimos anos.
Fronte a este sistema, o BNG urxiu dar pasos en Vigo cara un un novo modelo baseado na redución en orixe, na recollida selectiva, reutilización, reciclaxe e compostaxe. Nese obxectivo, as nacionalistas consideran “que se ten que valorar moi a serio” a posibilidade de sumar esforzos con outros concellos da área de Vigo en busca dunha solución mancomunada a nivel metropolitano.
Medidas contra o tarifazo
O portavoz municipal do Bloque cargou contra a “estafa ambiental” de Sogama polo incremento dun 70% no canon durante os últimos dous anos. Unha suba que eleva até os 10 millóns de euros a factura do Concello de Vigo pola xestión das 100 toneladas de lixo que xera a cidade cada ano, cinco veces máis do que destina, por exemplo, a financiar a rede de nove escolas infantís municipais.
En relación ao debate polo aumento do recibo do lixo en Vigo, dende a fronte nacionalista insistiron na necesidade de modificar a ordenanza municipal para reducir o prezo, na liña das emendas formuladas polo BNG. Unha medida que, afirman, pretende evitar que o “sablazo” de Sogama recaia directamente nas viguesas e vigueses.
Igrexas defendeu facer tarifas progresivas e ampliar até o 75% o desconto na cota variábel para a “ampla maioría” de fogares que contribúen na recollida separativa e na reciclaxe. “Non ten sentido que pague o mesmo recibo un fogar con tres persoas que cunha soa”, afirmou. Con esta medida, unha familia de catro membros vería reducido o recibo do lixo nun 14% e, no caso de fogares cunha soa persoa, até nun 18%.



