HomePontevedraConstituído o Consello Verde Urbano, un órgano de participación para a rexeneración...

Constituído o Consello Verde Urbano, un órgano de participación para a rexeneración e recuperación da biodiversidade local

- Anuncio -spot_img

Liderado polo Concello, este órgano do que forman parte dende entidades universitarias a colectivos ambientais e veciñais, mantivo unha primeira reunión esta semana na que se informou dos primeiros proxectos do programa RedeVerde Pontevedra.

RedeVerde Pontevedra conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O Concello de Pontevedra constituíu esta semana o Consello Verde Urbano, un órgano informativo e participativo que actuará como tribuna medioambiental e canle estable para compartir avances, recoller achegas e fomentar o debate arredor de solucións de rexeneración urbana e recuperación da biodiversidade.

Este Consello está inicialmente formado pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, a Mancomunidade de Montes, a asociación VaiPoloRío, a asociación pola Defensa da Ría, a Mesa pola Recuperación do Río Valdecorvos, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao e o concelleiro de Servizos urbanos básicos Xaquín Moreda, quen asegurou neste primeiro encontro que “esta é unha mesa de continuidade, coa que pretendemos informar sobre a renaturalización continua de Pontevedra”.

Na súa primeira reunión, constitutiva e informativa, deuse conta do estado e da planificación do proxecto RedeVerde Pontevedra, o programa municipal que aposta pola renaturalización urbana e o reforzo da infraestrutura verde para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático, incrementar a biodiversidade e gañar habitabilidade na cidade.

Cabe lembrar que RedeVerde Pontevedra conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O principal fito do proxecto é a renaturalización do río Gafos (treito urbano). Informouse do seu estado de tramitación e achegáronse datos xerais desta importante actuación ambiental, pero tamén integran RedeVerde Pontevedra outras propostas como a restauración ecolóxica da Xunqueira da Gándara (Marisma de Alba).

RedeVerde Pontevedra, estratexia, divulgación e participación

Xunto ás obras, o proxecto contempla o desenvolvemento da Estratexia Local de Infraestrutura Verde e Resiliencia Urbana, que inclúe a delimitación de áreas núcleo, corredores e zonas multifuncionais, a identificación de riscos e vulnerabilidades e a elaboración dun Plan de Acción, situando a Pontevedra como referente de renaturalización urbana en contornas costeiras atlánticas suxeitas a riscos naturais.

RedeVerde nace tamén coa vontade de abrir e ordenar a participación social polo que nas vindeiras semanas porase en marcha unha programación de sensibilización pública cos laboratorios “Renaturaliza a túa vila”, pensados para que o alumnado de primaria propoña ideas para renaturalizar a súa contorna; stands medioambientais para escoitar e implicar á cidadanía menos organizada; pasiños verdes nos escenarios ambientais máis emblemáticos —Xunqueira da Gándara (Marisma de Alba) e Gafos— orientados a motivar ás persoas máis novas; e rutas guiadas con persoal experto para interpretar de forma accesible o valor ecolóxico, social e urbano das intervencións.

O compoñente técnico e o intercambio de coñecemento compleméntanse cun congreso internacional organizado pola Universidade da Coruña (UDC) en 2025 sobre solucións baseadas na natureza e renaturalización para a transformación urbana de cidades costeiras atlánticas e a súa adaptación ao cambio climático, reforzando o carácter innovador e a proxección de RedeVerde.

Publicacións Relacionadas