O Concello vén de facerse coa propiedade da parcela colindante que se usa actualmente como aparcadoiro en superficie
Logo de anos de negociacións, a parcela adquiriuse por 80.000 € partindo dunha valoración inicial que superaba os 200.000 €.
A Alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, vén de asinar ante notario a compra da parcela existente no entorno da Praza da Devesa. A parcela pertencía á SAREB, e está sendo empregada actualmente como aparcadoiro disuasorio por parte da administración local.
Máis de catro anos se prolongaron as negociacións entre o Concello e a SAREB, partindo dunha valoración inicial da parcela en 220.771,67 €, e que finalmente se puido formalizar en 80.000 € que o equipo de goberno decidiu financiar integramente con cargo ao Plan Máis Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, amosou a súa satisfacción por poder por fin pechar a operación, e valorou a adquisición como “unha moi boa oportunidade para a que a nosa veciñanza poida contar con máis espazos de ocio e lecer en pleno casco urbano”.
Trátase dunha parcela de 1.248 m2 lindeira coa actual Praza da Devesa. O equipo de goberno valora agora as diferentes opcións para o terreo, xa que se podería empregar como nova zona verde, para construción de algunha edificación aberta que poida ser destinada a actividades para a xuventude, ou tamén coa posibilidade de destinala á construción de vivenda protexida.
O que teñen claro dende o goberno de Movemento Salceda é que estaban ante unha oportunidade única que non se podía deixar escapar, e que sen dúbida este é un investimento moi proveitoso para a veciñanza de Salceda de Caselas, que conta a partir deste momento cunha nova parcela en pleno casco urbano, coas múltiples oportunidades que conleva.
O Concello de Salceda leva dende o ano 2007 traballando na transformación do casco urbano e na recuperación de espazos para as persoas, favorecendo a mobilidade peonil e polo tanto a dos colectivos que precisan un maior apoio, como poden ser a infancia, as persoas maiores ou as persoas con mobilidade reducida.