Os cursos, impartidos na Casa Azul, comezan esta semana cun limiar de presentación e avaliación do alumnado, co fin de asignarlles o nivel máis acaído.
O itinerario de Competencias clave 2 abre paso aos cursos das familias profesionais que ofrece o Servizo de Emprego Público-SEPE
Bota a andar un novo curso de Formación adaptada e participación social na Casa Azul, un programa da Concellería de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías, que ten como obxectivo dar resposta ás distintas demandas educativas de persoas en situación de vulnerabilidade, que tratan de acceder ou reintegrarse ao mundo laboral ou ben mellorar o seu emprego.
O alumnado -derivado desde os servizos sociais municipais- busca e atopa nesta formación ferramentas para afastarse do risco de exclusión. O curso comeza esta semana e ten como limiar unhas primeiras xornadas de presentación e avaliación do alumnado para asignarlles a cada un/unha o circuíto máis acaído.
Como sinala a concelleira Gulías: “a formación é unha das cuestións que tratamos de traballar na área de Benestar porque é un mecanismo que, sen dúbida, mellora a empregabilidade de todas as persoas, un chanzo máis cara a inserción laboral e a inclusión social”.
O curso 2025-26 inclúe dous percorridos -cada un deles subdivididos en dous niveis-, guiados polo afán de mellorar a formación, abrir unha porta á inserción laboral e mellorar a sociabilidade. Son os seguintes:
- Competencias clave 1 (nivel 1). Dirixido a un alumnado con nivel baixo de comunicación oral e/ ou escrita e dificultades nas habilidades básicas. Son persoas que precisan apoio específico para mellorar a súa competencia lingüística, adquirir vocabulario e mañas sociais.
- Competencias clave 1 (nivel 2). Deseñado para persoas que necesitan reforzo para mellorar a comprensión lectora e a produción de textos sinxelos e que precisan adquirir habilidades básicas e destrezas prácticas para a vida cotiá.
- Competencias clave 2 (nivel 1). Neste curso integraranse persoas que precisan afianzar e profundar en certos coñecementos necesarios para poder realizar, con éxito, a formación das competencias clave 2.
- Competencias clave 2 (nivel 2). As competencias claves son catro: Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Inglés. Superar este nivel – equivalente a 2º da ESO, aproximadamente- abre a portas aos cursos de familias profesionais do SEPE, pero é necesaria unha certificación oficial que se obtén cun exame anual convocado pola Xunta, en Silleda.
- Á aula deste último grupo poderán asistir, de xeito puntual, persoas que superaron as probas de Silleda pero que precisan axuda e un reforzo académico para poder chegar a matricularse na ESA (Educación adaptada para adultos).