HomeO SalnésMeañoO BNG de Meaño denuncia falta de seriedade e transparencia no Goberno...

O BNG de Meaño denuncia falta de seriedade e transparencia no Goberno de Carlos Viéitez ao convocar pleno extraordinario que substitúe a un ordinario ás 14h

- Anuncio -spot_img

O BNG critica a xestión das actividades destinadas ás persoas maiores de 60 anos e piden o aumento de horario do profesorado que as imparte para admitir todas as solicitudes.

Segundo a periodicidade dos plenos establecida, que o propio alcalde Carlos Viéitez propuxo no inicio da lexislatura, debíase ter celebrado Pleno Ordinario o pasado xoves 25 de setembro ás 21h, mais non foi así. A Alcaldía suspendeu o pleno ordinario e convocou sesión extraordinaria o xoves 2 de outubro ás 14h.

Esta práctica, repetida xa en varias ocasións, supón unha falta de respecto para a cidadanía e os membros da oposición, pois en ambos casos se dificulta a asistencia por motivos de conciliación. Isto ten base na falta de organización da Alcaldía, que non se entende procedendo dun goberno con maioría absoluta e un alcalde con dedicación exclusiva.

O único punto da parte resolutiva tratou sobre unha modificación de crédito para a adquisición duns terreos no centro de Dena, da que a alcaldía non concreta a finalidade, indicando vagamente que nun futuro poderían ser postos a disposición da Xunta de Galiza  “para a creación de vivenda pública, sempre que non apareza outro uso que resulte de maior interese para a veciñanza de Meaño”. O BNG de Meaño critica a cantidade de modificacións de crédito que leva feito o Goberno Local, quen non foi quen de deseñar orzamentos para o ano 2025 e non confirma se os elaborará para o 2026.

No apartado de rogos e preguntas o grupo nacionalista reiterou algunhas peticións desoídas pola alcaldía, como é a análise da auga das fontes, que logo de varias solicitudes foi realizada. Demandan agora que se sinalicen o antes posible para que a veciñanza coñeza aquelas fontes seguras. Piden tamén que se aumenten o número de horas do profesorado que imparte as actividades dirixidas ás persoas maiores de 60 anos coa finalidade de admitir na mesma a todos os/as veciños/as solicitantes. Ao mesmo tempo, o BNG denuncia que o criterio de admisión por orde de solicitude, non é xusto, pois prexudica ás persoas que realizan o trámite presencial, en favor do telemático.

A concelleira Rosana Domínguez indicou que urxe o pintado da estrada e os pasos de peóns en fronte da casa consistorial, pois coa realización das obras na R. Herminia Fariña o alumnado do CEIP As Covas- Meaño, así coma as persoas adultas responsables da súa custodia, están a concentrarse nesa zona, polo que é necesario minimizar os riscos. Faise notar a necesidade de rematar as beirarrúas no centro de Meaño, solicitude que o BNG realizou en maio do 2024 cando presentou a “Moción para a mellora da seguridade viaria” do concello, que incluía as beirarrúas inacabadas de diferentes parroquias.

O BNG meañés critica a falta de consideración das propostas e peticións feitas neste tempo de lexislatura, que teñen raíz nas queixas veciñais, e por tanto a alcaldía debería ter en conta. Lamentan a falta de transparencia no goberno de Viéitez e critican que non facilite ao BNG a información solicitada en repetidas ocasións, polo que piden ao Goberno Municipal que deixe de obstaculizar a labor da oposición deste grupo.

Publicacións Relacionadas