As actividades, con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de setembro, esténdense ata finais de outubro
A Deputación de Pontevedra continúa a ofrecer esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 20 de setembro terán lugar na illa de Tambo, en Poio, mentres que o domingo 21 de setembro se desenvolverán na Ruta da Pedra e da Auga, en Meis. Todas as prazas para participar nas rutas de setembro están completas, esgotándose en cuestión dunha hora trala apertura da inscrición. O prazo para solicitar algunha das rutas de outubro abrirá o próximo 22 de setembro ás 9:00 horas.
A illa de Tambo é un lugar idóneo para atopar elementos naturais de gran beleza coma os taffonis, as dunas ou a Praia Area Grande. Ademais, os asistentes descubrirán o seu abundante patrimonio histórico, con elementos como o peirao, o faro, o lazareto ou o antigo albergue. Pola outra banda, na Ruta da Pedra e da Auga os participantes visitarán máis de 30 muíños por este estreito sendeiro paralelo ao río Armenteira, no que atoparán algún paso dificultoso dado o seu desnivel. A medida que avance suavizarase a pendente, e trala área recreativa poderán gozar dun confortable paseo xunto ao río xa no municipio de Ribadumia. As saídas deste mes completaranse con percorridos polo Carreirón o 28 de setembro e polo Pazo de Lourizán o 27 de setembro.
Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). No 2025 a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.



