O espectáculo “Os fabulosos cleaners” representarase a cargo da compañía de teatro Malasombra no Centro sociocultural de Tenorio ás 19:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 21 de setembro o circuíto +Escénicas ao concello de Cerdedo-Cotobade da man dun espectáculo familiar de pompas de xabón a cargo da compañía de teatro Malasombra. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo “Os fabulosos cleaners” de Malasombra representarase no Centro sociocultural de Tenorio a partir das 19:00 horas e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha extraordinaria experiencia visual con pompas de xabón, creada por Luis Beviá e Xoque Carbajal, dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretada por Xoque e Jouse García. Esta espectacular proposta conta como dous operarios da limpeza do teatro descobren por casualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. Os personaxes emprenderán así unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas burbullas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Os espectadores de Cerdedo-Cotobade camiñarán da man destes personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e moito humor.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.