O alcalde asistiu á inauguración das instalacións, logo das obras de rehabilitación executadas pola empresa concesionaria Ibernisha
“Augúrolles un éxito absoluto”, asegurou Gonzalo Jácome que lembrou que son as termas máis emblemáticas de Ourense, con bos servizos e prezos populares
As Termas da Chavasqueira reabrirán ao público mañá, martes 7 de outubro, tras finalizar as obras de rehabilitación do recinto termal, executadas pola empresa concesionaria Ibernisha. Cun investimento próximo ao millón de euros, a intervención permitiu recuperar un dos espazos máis emblemáticos do termalismo ourensán, que permanecía pechado desde o incendio rexistrado no ano 2019.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado pola concelleira de Termalismo, Noa Rouco, e representantes de diferentes grupos políticos municipais, participou esta tarde no acto de inauguración. “Hoxe é un gran día para Ourense”, destacou o rexedor, lembrando que “as Termas da Chavasqueira foron as primeiras da cidade e seguen a ser as máis emblemáticas”.
O alcalde puxo en valor que o novo recinto ofrecerá “bos servizos e prezos moi accesibles”, que facilitarán “un termalismo aberto a toda a cidadanía”. “Augúrolles un éxito absoluto desde mañá, van estar a tope”, asegurou. Lamentou que a reconstrución das termas se prolongase tanto no tempo “a causa da burocracia: é algo tremendo e isto nos fai reflexionar. Para abrir estas termas o promotor tivo que lidiar con todo o mundo: é unha loucura todo o que hai que facer para poñer en marcha un pequeno negocio como este todo. Foron 6 anos, non porque este señor non quixera facelo antes senón porque os trámites son infernais”, asegurou
Pola súa parte, o xerente de Ibernisha, Pablo Villuendas, expresou a súa satisfacción pola reapertura das termas, “unha obra na que se investiron miles de horas de traballo e moita ilusión”, executada pola construtora Atcon segundo o proxecto do arquitecto Manel Barrera e da construtora Atcon.”Esperamos que volva ser ese corazonciño de Ourense, esas termas que foron o motor do seu termalismo popular”, manifestou.
As instalacións abrirán ao público desde mañá de martes a xoves, de 9.00 a 23.30 horas; venres e sábados, de 9.00 a 1.30 horas; e domingos, de 9.00 a 23.30 horas. Os luns permanecerán pechadas. O prezo da entrada xeral será de 5,15 euros, e de 4,65 euros para persoas pensionistas e menores. Tamén hai abonos individuais e familiares.