O Concello de Oia abre a inscrición nun curso de defensa persoal para mulleres que se celebrará o 27 de outubro no Centro Sociocultural de Pedornes de 10.00 a 15.00 horas. As interesadas poden apuntarse no correo electrónico cultura@concellodeoia.es ou a través de whatsapp no número 639.32.94.93
A actividade, gratuíta e dun total de 5 horas de duración, incluirá contidos teóricos e prácticos na mesma sesión, co obxectivo de achegar ás mulleres distintas ferramentas para sentirse seguras ante unha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida.
Na parte teórica traballaranse conceptos psicolóxicos relativos tanto á vítima como ao agresor e tamén se abordarán cuestións sobre o código penal. Así mesmo, haberá unha parte de desenvolvemento de 5 aspectos clave como son a respiración, a observación, a valoración, a estratexia e a técnica.
Durante a formación traballarase todo tipo de prevención para situacións de risco que leven a evitar calquera confrontación física e, para os casos nos que esta confrontación non sexa evitable, as usuarias aprenderán un amplo abano de técnicas de defensa.
O curso realízase en Oia dentro das iniciativas que a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, desenvolve no marco do Acordo de Colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias relativo á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.