Máis de 120 veciños de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ribadumia e Vilanova de Arousa comezarán accións centradas en pilates, terapia emocional, conservación da memoria, restauración de mobles e tapicería
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación dos obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana comezarán seis novas accións con outras tantas entidades sociais que mobilizarán un total de 124 veciños de seis concellos da provincia: Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ribadumia e Vilanova de Arousa.
Os obradoiros dan comezo este luns 22 de setembro con dúas actividades de pilates na Estrada para a Asociación de Veciños O Outeiro de Tabeirós e para a Asociación de Veciños A Firgha da Somoza. As formacións continúan o martes 23 cunha sesión de terapia emocional para a Asociación Mulleres Femeninas en Acción, de Vilanova de Arousa, e outra de conservación da memoria para a Asociación Veciños San Andrés de Barrantes, de Ribadumia. Por último, as accións rematan o venres 26 con dous obradoiros de restauración de mobles e tapicería para a Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei, da Estrada, e para a Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Reboredo, de Cerdedo-Cotobade.
A Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento” (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.



